Identidade e xustiza

Fevereiro 20, 2009

Reproduzimos a continuação a resenha do ensaio de Carlos Diegues, A Revolução pendente. Feminismo e democracia, publicada no blogue O Funambulista Coxo no passado dia 2 de Setembro de 2008.


o-funambulista-coxo

IDENTIDADE E XUSTIZA

Se me pareceu encomiable a aparición en Xerais do novo ensaio de María Xosé Queizán, non me parece menos interesante a última entrega da pequena editorial Estaleiro que, abordando tamén a cuestión feminista, publica o libro de Carlos Diegues A revoluçao pendente. Feminismo e democracia.
O autor deste traballo fai memoria da noción de recoñecemento que, como el mesmo di na introducción, «pode e deve utilizar-se, sem dúvida, para abrir a definição de democracia num sentido radical, através do consenso de princípios normativos elaborados em situação de igualdade e liberdade. O reconhecimento pode representar un contributo sério para construir uma alternativa política coerente e global, crítica com um processo globalizador que castiga de maneira especial as mulheres, em forma de violência, de exclusão da cidadania plena e de feminização da pobreza».
Ao longo do texto dánsenos a coñecer as orixes do concepto de recoñecemento desde as súas primeiras formulacións hegelianas onde «a conhecida dialéctica do amo e o escravo equivaleria a uma luta pelo reconhecimento das identidades que so pode resolver-se [en opinión de Hegel] na síntese ética reconciliada que é o Estado» e roussonianas co seu «apreço pelo elemento emocional e relacional da identidade» até a formulación adquirida por esta cuestión tras o chamado «xiro lingüístico» habermasiano definido por Diegues como unha «tentativa de recuperação dos vínculos sociais mediante a interacção comunicativa, na procura do consenso normativo». Esta tentativa desenvolvida por Habermas na súa
Teoría da Acción Comunicativa tería fracasado, segundo o autor, debido á concepción abstracta e «ahistórica da identidade que ignora os contextos reais de subordinação das mulheres». Así, se Habermas tentaba reconstruír unha razón ilustrada totalmente fragmentada e posta en cuestión nas sociedades posmodernas, un ideal ético asumible polo conxunto da sociedade coa súa formulación da identidade individual como produto da interacción lingüística dos diferentes suxeitos; a súa aposta por un suxeito abstracto (masculino de facto) e o seu esquecemento do suxeito feminino viría deixar o seu proxecto –en opinión de Diegues e de autoras que, como Sheyla Benhabib, emprenderon a crítica a Habermas– eivado.
O debate xerado polo chamado multiculturalismo dos anos oitenta é sintetizado por Carlos Diegues na polémica mantida entre Iris Young e Nancy Fraser. A crítica multicultural, onde cada loita parcial (feminismo, ecoloxismo, anticolonialismo, etc.) creaba tamén a súa identidade en busca de recoñecemento, propiciou que, ademais, emerxese a «diferença no interior da identidade feminista». Esta diferenza habería partir ás pensadoras entre aquelas que enfatizaban o que hai de común en todas as mulleres (o esencialismo que tanto critica María Xosé Queizán en
Anti-natura) máis interesadas no «paradigma do reconhecemento» (identidade), e aquelas que incidían na imposibilidade de falar da muller como un todo, obviando aspectos como a raza, a clase social ou o lugar de nacemento, máis atentas ao «paradigma da redistribuição» (xustiza social). Se Iris Young sería a representante da primeira tendencia, Nacy Fraser –que Diegues trata a fondo– representaría á segunda.
«As propostas de Nancy Frasser –di o autor– encaram a análise da distância existente entre uma política de classe e a política da identidade» pois «uma política do reconhecemento tende a promover a diferenciação do grupo enquanto a política de redistribuição tende a abolir as suas causas». Ao afrontar este dilema, o pragmatismo de Fraser bota man do que chama unha «perspectiva dual» consistente na «combinação das duas classes de políticas, isto é, as políticas redistributivas, que buscam a transformação das estruturas sociais e eliminan as diferenças e as políticas culturais, que deconstruem as identidades num sentido de afirmação da diferença. Unha diferenza que para Fraser «nao tem outra intenção que nao seja a de descobrir as diferenças que merecem ser estimuladas, ou melhor dito, aquelas identidades que hão-de-ser combatidas porquanto nao favorecem os ideais de justiça social próprios de uma sociedade livre e igualitária».
Pretendendo con este breve comentario do libro de Carlos Diegues, non tanto facer unha recensión exhaustiva do mesmo, como expresar a coincidencia co autor no valor outorgado á idea de recoñecemento e máis ao pensamento de Nancy Fraser, non me vou estender máis. Tanto un coma o outro se me antollan interesantes achegas para o posible bocexo dunha doutrina que aglutine e rebaixe a tensión crecente entre a necesidade de recoñecemento nacional para o noso país coa necesidade que tamén sentimos os que aquí nacemos de expresar politicamente a nosa fraternidade sexa cos oprimidos espallados por todo o globo, sexa con aqueles que –vindos doutras partes do mundo– deron en recalar ás nosas costas traendo consigo outros costumes, outras falas e outras demandas; algo así como unha teoría do nacionalismo galego na era da globalización.
Se na práctica hai xa lugares (Bolivia ou Ecuador) onde o recoñecemento da identidade indíxena se conxuga cun forte compoñente de xustiza económica e de consecución de dereitos sociais sen que isto renxa ou sexa experimentado como contradictorio, penso que, entre nós, aínda carecemos dunha teoría máis ou menos estruturada que espante todos os fantasmas que a cotío levantan as políticas da identidade. Carlos Diegues, ao preguntarse se «o feminismo pode representar na actualidade uma opção de justiça capaz de integrar num novo paradigma de justiça a liberdade e a igualdade, a defesa da identidade cultural e da redistribuição igualitaria dos recursos» parece querer ofrecernos algunhas valiosas pistas para un tema que interesa.


Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: