Estaleiro Editora, na manifestación “Galiza non se Vende”

Fevereiro 16, 2009

estaleiro_gznsv_150209O colectivo editorial Estaleiro Editora achegouse á saída da manifestación Galiza non se Vende, no pasado domingo 15 de febreiro, para colocar unha banca de livros na Alameda de Compostela aproveitando a asistencia de moitos dos seus integrantes á manifestación organizada por esta plataforma popular.

Dende Estaleiro queremos agradecer, como sempre, o apoio das leitoras ao noso proxecto, que se materializa na compra de materiais nas presentacións das nossas novidades editoriais e neste tipo de actos. Finalmente, son as vendas as que permiten reinvestir na edición de novos libros e fan que Estaleiro Editora continúe a ser un proxecto libre e viábel.

Reproducimos, a continuación, a noticia orixinal sobre a manifestación redixida pola entidade organizadora:

GNSV enche a Quintana dos Mortos

Milleiros de persoas chegadas de toda Galiza convertiron a praza da Quintana nun escenario dende o que se clamou pola vida. A vida dos nosos mares e da nosa terra. A vida da nosa xente, dos coetáneos e dos vindeiros. Un berro que advirte aos gobernantes que non hai diñeiro suficiente para mercar o mellor patrimonio dos galegos. Que a dignidade non ten prezo. Escribía García Lorca que na Quintana dos mortos bailaba a triste lúa coronada de toxos. Hoxe foi o sol o que alumeou un acto no que se reivindicou a comunión do home co seu entorno.

O pasado ano tivo lugar en Compostela outra manifestación de GNSV que conseguíu reunir a 10.000 persoas. Naquel intre os problemas mais denunciados polos manifestantes foron os que ameazaban convertir o litoral, as rías galega, os lugares protexidos como o Courel, ou mesmo a Terra Chá, en suculentos negocios para multinacionais máis interesadas en esquilmar a riqueza desta terra que evitar o empobrecimento dos galegos. A pesar dese clamor popular en defensa dun hábitat respectuoso co medio ambiente e garante de fonte de riqueza para os galegos, o goberno non modificou un ápice a súa política de beneficiar ás grandes empresas enerxéticas, acuícolas, mineiras e inmobiliarias.

Esta actitude desdeñosa dos nosos gobernantes cara ás xustas reivindicacións da sociedade galega propiciou que hoxe esta tivese que tomar de novo as rúas de Compostela para demandar dunha vez  por todas un cambio de rumbo. A resposta dos galegos foi inequívoca e xa non se poden expoñer razóns de interese  xeral para seguir vendendo ao capital o que é dos galegos.

Ao final do traxecto, despois de percorrer o admirábel casco histórico de Compostela, nas mesmas escaleiras da praza que simbolizan a liña divisoria entre  a Quintana dos mortos e a dos vivos, foi lido un manifesto consensuado pola totalidade das asociacións convocantes da mobilización. Nel se incidía nas nefastas políticas ambientais que devastan os recursos naturais de Galiza e alimentan unha orde social inxusta e insustentábel.

* A fotografía principal deste post foi tirada do blogue Madeira de Uz.

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: