Carlos Diegues: ‘recorrín ao feminismo como ideal emancipatorio, como ferramenta teórica’

Fevereiro 14, 2009

cdiegues-antReproduzimos a continuação o artigo de publicado, no dia 23 de Novembro de 2008 no semanário A Nosa Terra, sobre o livro de Carlos Diegues, A Revolução Pendente. Feminismo e Democracia.

Carlos Diegues: ‘recorrín ao feminismo como ideal emancipatorio, como ferramenta teórica’

Redacción . Carlos Diegues, licenciado en Ciencias Políticas e doutorando en Filosofía, presentou onte o seu ensaio, ‘A revolução pendente. Democracia e feminismo’, nesta facultade en Compostela. Acompañábano a catedrática María Xosé Agra, directora do Traballo de Investigación Tutelado do que saíu o ensaio, e autora do limiar, e Iria Sobrino, en representación de Estaleiro Editora.

A revolução pendente. Feminismo e democracia é o terceiro volume editado por Estaleiro Editora, unha iniciativa “sen ánimo de lucro, pero con moito ánimo”, como dixo Iria Sobrino, coma sempre, en formato libro e de libre descarga en pdf na rede. A editora, que traballa con licenzas Creative Commons, publicara o libro de poemas Plan de fuga, de Alberto Lema, e o de teatro Fume / Insomnio, de Rubén Ruibal e Carlos Losada. Este volume de Carlos Diegues inaugura a colección de ensaio, e está escrito en portugués padrão (Estaleiro respecta a normativa en que decidan escribir os autores e as autoras).

O ensaio de Diegues ten a súa orixe nun traballo académico. “É importante que estes traballos salten a barreira”, indicou Sobrino. Tamén a catedrática de Filosofía Política e Moral da USC, María Xosé Agra, directora do traballo de investigación, felicitou a iniciativa de Estaleiro e salientou a necesidade de saíren, os traballos académicos, “dun espazo moi restrinxido, que ás veces limítase mesmo ao tribunal que o avalía”.

Agra salientou tamén a necesidade de que tamén os homes entren no terreo da teoría crítica feminista: “moitos, mesmo do ámbito académico, amosan certa reticencia a asumiren unha mudanza no seu pensamento que integre a crítica feminista”. Lembrou tamén que existe pouca tradición en Galiza de ensaio feminista dende o pensamento: “Diegues recorreu a Hegel, para explicar a loita polo recoñecemento”, e, dende as teorías do multiculturalismo, “mira o texto con outros ollos sen deixarse levar polas modas”.

A catedrática lembrou como este “tema estrela” dos 90 entrou en crise co 11 de setembro, e impúxose o cosmopolitismo como solución. “A cuestión é que é recoñecer outro ser humano como igual. As diferenzas estannos interpelando cada día, e a teoría feminista fixo unha reflexión importante neste sentido, amais de achegar ferramentas teóricas e prácticas”.

Carlos Diegues lembrou que a cuestión de xénero, como calquera outro debate político, trae canda si unha serie de paradoxos: “o feminismo nace coa Revolución Francesa, pero é decapitado por ela (literalmente, se lembramos a Olympe de Gouges)”. O libro achégase, dende o debate teórico, ás loitas do feminismo “contra un concepto de democracia estraño”.

Pór en cuestión as democracias liberais

Recorreu a autoras que vinculan a teoría política co feminismo, como Judit Butler, Iris Marion Young, Susan Moller Okin ou Nancy Fraser, “lamentabelmente pouco coñecidas”, e partiu dun marco teórico que relaciona recoñecemento, identidade e igualdade. “O feminismo non pretende outra cousa que ampliar a cidadanía democrática a toda a sociedade”. Lembrou como, no contexto das teorías do multiculturalismo dos 80, entendíanse as reivindicacións feministas como as de “outra minoría máis”.

“O feminismo quería ir máis alá: as mulleres non son unha minoría, son a metade da humanidade. Tratábase de pór en cuestión o liberalismo (e o neoliberalismo, que chega a ter tendencias mutantes, a día de hoxe, até pedir a intervención do Estado). O feminismo historicamente atacou a democracia liberal, e tentou acabar coa dicotomía público / privado, ética / política”.

Outro dos debates, que xurdiu tamén nas conversas co público, foi sobre os postulados esencialistas do feminismo da diferenza. “É perigoso defendermos as esencias: condenamos as identidades á morte”. O feminismo saíu hai tempo do couto vedado, de ser unha reivindicación para as mulleres brancas, occidentais, de clase media, angloparlantes e heterosexuais. “O feminismo do que se fala neste libro identifícase coa esencia da modernidade: liberdade, igualdade, fraternidade” (malia preferirse neste ámbito “solidariedade”, ao ser “fraternidade” un termo relacionado coa irmandade exclusivamente entre varóns, etimoloxicamente).

Tampouco considerou que o feminismo teña como fin deixar de ser necesario, cre máis na “revolución permanente” de Trotski. Pensou no feminismo como “ideal emancipador, e, polo tanto, de esquerdas”, malia afirmar tamén “que existiron matrimonios desgrazados, entre feminismo e outras ideoloxías”, e citou o socialismo, sen entrar en maior detalle. “Este libro non é so feminista, fala dunha teoría do xénero, recorre ao feminismo como ideal emancipatorio e como ferramenta teórica”

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: