A nosa distribución é de balde e respecta a liberdade normativa

Janeiro 6, 2009

xornal-logo

Reproducimos, a continuación, a entrevista a Vítor Suárez, membro fundador de Estaleiro Editora, publicada hoxe, 6 de xaneiro no Xornal de Galicia:

Victor Paz Morandeira / XORNAL.COM I Santiago.- A industria editorial está controlada por uns poucos que marcan as regras. Nos tempos da Internet, este imperio parece difícil de manter e, aínda que as iniciativas que xorden da rede de redes non chegan a ter un impacto mundial, existe un xermolo de guerrilleiros intelectuais pola liberdade creativa total que non cesan na loita. É o caso da editorial Estaleiro, unha asociación de 40 membros que se perfila coma unha alternativa interesante con moito que contar. Un dos seus fundadores, Víctor Suárez Díaz, desvela os segredos deste colectivo.

Como xurdiu a iniciativa?

Reunímonos un grupo de amigos alá polo inverno de 2005. Sabiamos que queriamos un proxecto editorial alternativo e decidimos convidar a outras persoas para unha posta en común. O proxecto procura unha diversidade de ensaios, unha distribución alternativa por centros sociais e unha liberdade normativa.

Entendo, logo, que a lingua xogou un papel importante.

Non tanto, no sentido de que para nós non é importante editar nunha soa normativa. As propias editoras fano na oficial, porque asumen a violencia que exercen os poderes culturais e políticos, porque se dobregan perante a política dos subsidios. Nós non temos problemas entre as persoas que somos claramente reintegracionistas como as que non o son. Tivemos claro dende o principio que queriamos respectar a liberdade para escribir na normativa que se prefira.

E como se arreglan cos cartos?

As persoas que constituímos a editora estamos asociadas. Hai unha cuota de 30 euros de ingreso e iso é o único que se paga. Isto ten a función de crear un diñeiro inicial para autoxestionarnos, porque non temos ánimo de lucro e os cartos que se gañan cos libros que se venden úsanse para sacar os seguintes adiante.

A nivel de organización do traballo, como funcionan?

Tivemos a sorte de que os que nos xuntamos sabiamos como funciona o sistema editorial e cultural de algunha ou outra maneira. Hai xente que sabe maquetar, outros que dominan diversas linguas e poden traducir, outros poden correxir nun bo nivel de galego e hai persoas que levan as contas e a distribución. Repartímonos.

A cuestión da visibilidade e proxección. Cónteme como a plantexaron.

Queriamos distribuir a obra de balde, polo que creamos unha páxina web o pasado febreiro, dende onde se poden descargar todos os nosos orixinais. Dende hai uns dous meses, xa temos tamén un blog no que subimos as novidades que van xurdindo, como as apresentacións.

E a distribución en papel?

Facémola, sobre todo, por centros sociais. Ofrecemos apresentacións dos nosos libros e así tamén lles damos vida a eses centros, enchemos o seu calendario cultural e cedemos un exemplar. Coas librarías, colaboramos en menor medida, porque é economicante inviábel unha distribución convencional.

Os orixinais, como os reciben?

Establecemos unha serie de prazos, normalmente dous ao ano. Os autores envían os orixinais ao noso enderezo electrónico e despois facemos a selección.

Como contactan cos autores?

Son eles os que acuden a nós, aínda que inicialmente nos achegaramos a algúns que coñeciamos de primeira man para poñer en marcha o proxecto. Agora son eles os que mandan as obras ao correo e nós comunicámoslles se nos interesan ou non e os pasos que teñen que seguir para que as publiquemos.

–Explíqueme ese proceso.

Reunímonos unha vez ao mes. Nestas asembleas, debatimos cantos orixinais estamos dispostos a publicar en función dos cartos cos que contemos, os nosos intereses a a variedade editorial. Decídense os prazos e a secuencia que se van aplicar e imos adiante. De feito, os próximos cinco libros que imos editar parten dunha decisión que tomamos na asemblea de setembro.

Como imprimen?

Usamos os actuais sistemas de impresión dixital para editar libros baratos (se se entra na súa páxina web –www.estaleiroeditora.org– pódese comprobar que ningunha das obras superas os oito euros). Somos a editorial máis barata de Galicia, aínda que isto tamén é posíbel porque nós non recibimos remuneración e iso abarata custos.

Outra alternativa ao libro tradicional é o electrónico. Como cre que vai ser a súa progresiva implantación?

É complicado, sobre todo no que se refire á súa escasa capacidade actual de lle dar capital simbólico ao autor. Un pode publicar dez obras en formato electrónico e pasar case desapercibido. Se unha desas obras é publicada en formato libro, a visibilidade é inmediata. Os dereitos de autor tamén dificultan todo.

E logo?

Hai pouco tivemos un problema nun premio literario. O noso autor, finalmente, non gañou porque xa publicara antes a obra nun blog, e o xurado considerou que esa obra xa non era inédita. Aínda queda moito por perfilar nos dereitos de autor na Internet, onde comezan e onde rematan e como se regula todo isto.

Proxectos para o futuro.

Ademais deses cinco libros que, xa dixen, temos pensado publicar ao longo do ano, temos en mente unha especie de caderno-DVD.

Que se colgaría tamén na web.

Non o sei todavía. É un proxecto interesante que se xestou hai pouco, pero está aínda por definir e non sei se o daremos sacado para este ano.

Xa vai case un ano que se creou a páxina web. Como valoran a experiencia?

É bastante satisfactoria. Cando chegan as caixas da imprenta e repartimos os libros, é un pracer. Estamos moi contentos co traballo realizado. Presumimos de que o produto é froito dun traballo colectivo, no que ninguén impón absolutamente nada nin é dirixido, e publicamos en función dos nosos gostos colectivos, decididos en asemblea, o que me parece moi importante.

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: