GzVideos, audiovisual galego con licenzas libres
Janeiro 29, 2009
Gzvideos é o espazo de encontro das iniciativas audiovisuais de comunicación e creación alternativas centradas na realidade e problemáticas sociais da Galiza. Pretende constituir unha comunidade de creación audiovisual alternativa onde conflúan as aportacións creativas d@s video-activistas e video-creadoras galegas.
Gzvideos parte dunha iniciativa colectiva independente e non comercial, respostando á necesidade de criar unha ferramenta de contrainformación audiovisual desde e para os movimentos sociais galegos, así como para dar cabida á creación independente, fóra da lóxica da cultura como mercadoría.
Porque na medida das nosas posibilidades, e desde a humildade de quen comeza a camiñar, queremos que o dereito á información, á comunicación e á creación dun pensamento crítico sexa unha realidade na Galiza. Que cada unha de nós poida dar a coñecer o que lle interesa, reapropriándose da tecnoloxía para a edición creativa e a difusión da nosa obra audiovisual.
Gzvideos é un proxecto independente no político e no económico, auto-xerido e sen carácter comercial, que utiliza e vindica o galego como língua propria en calquera das súas normativas.
Gzvideos comprométese na difusión de conteúdos baixo licenzas libres, así como na promoción do software libre para produción e edición do audiovisual.
Gzvideos constitúe un espazo de encontro para a creación audiovisual que parte dos movimentos sociais galegos, un campo onde conflúen o video-activismo e o debate xerados a partir da crítica á realidade galega.
Gzvideos, como plataforma creativa, ten tamén como metas o desenvolvimento e difusión da ficción, non ficción, documentarios, clips e, de modo xeral, priorizando conteúdos producidos e centrados na Galiza.
Nós podemos e queremos realizar videos. Moitas xa o vimos facendo, de feito, mais a nosa opinión non é nin a única posíbel nin a mellor das posíbeis, só unha, polo que procuramos criar un espazo colaborativo que busca a túa implicación. Podes enviar os teus proprios videos ou ben materiais audiovisuais que creas que concordan cos criterios que acabamos de expor.
Se tes algunha dúbida contacta con nós no enderezo info@gzvideos.info
*Manifesto GzVideos publicado en http://gzvideos.info