A cultura horizontal

Dezembro 29, 2008

ee-el-pais-19-12-088Reproducimos a continuación a reportaxe “A cultura horizontal. Estaleiro é a primeira editora en apostar polo ‘copyleft’“, publicado por El País no pasado 19 de decembro, en que se recollen diferentes informacións sobre o pasado, presente e futuro do noso proxecto editorial e declaracións de Vítor Suárez, membro fundador de Estaleiro Editora.

A cultura horizontal. Estaleiro é a primeira editora en apostar polo ‘copyleft’

Trinta ou corenta persoas interesadas “en producir cultura libre”. Esas foron as condicións de nacemento de Estaleiro Editora, o único proxecto editorial galego que refuga os dereitos de autor tal e como se entenderon até agora. “Utilizamos licenzas libres de edición porque así resulta máis doado”, resume Vítor Suárez, membro fundador de Estaleiro, quen engade: “Evidentemente, hai unha cuestión ideolóxica; todos os socios da editora compartimos unha visión crítica sobre a lexislación actual sobre a propiedade intelectual”. “A liberación cultural baseada no copyleft”, funcionamento asembleario ou espazo á marxe “da literatura e o pensamento subsidiado” con tres libros na rúa poden conformar, segundo os seus traballadores, unha definición aproximada da actividade de Estaleiro. O proxecto presentouse en Santiago de Compostela o pasado mércores.

Malia a que historia da editorial arrinca en 2005, non foi antes de febreiro deste ano que Estaleiro botou o seu primeiro barco. Plan de fuga titulou Alberto Lema (Vimianzo, 1975) os seus poemas para o experimento. Apenas tres meses despois, o propio Lema publicaba Unha puta percorre Europa, simultaneamente en Galaxia (galego) e Caballo de Troya (castelán). Rubén Ruibal, premio Nacional de Literatura Dramática en 2007 con Limpeza de sangue, tamén agardaba quenda de edición no Estaleiro: Fume e, con Carlos Losada, Insomnio. A revolução pendente. Feminismo e democracia, de Carlos Diegues, completa, na altura, o catálogo. “Son tres obras moi diferentes en xéneros e contidos [poesía, teatro e ensaio]”, argúe Vítor Suárez, “pero detrás pódese advertir certa ideoloxía”. O aparente olfacto editor é relativizado por Suárez: “Nas decisións só pesa o gusto da asemblea; evidentemente, o gusto ten que ver coa ideoloxía”.

“Non temos vocación de zapadores, nin de encher ocos”, asegura. Estaleiro parece situarse fóra da retórica sobre a denominada “normalización do sistema literario”. “O único que pretendemos é producir cultura dun xeito horizontal, non empresarial”, afirma, “e tampouco queremos ser unha grande editora para consagrar autores, senón proporcionar oportunidades para entrar no campo cultural”. O abaratamento da mediación tecnolóxica -“o proceso dixital facilita a edición enormemente”- contribúe á peculiar estructura de funcionamento de Estaleiro. E, malia á que as tiraxes iniciais de libros na editora son reducidas, 250 exemplares, o abandono da técnica offset permite a reimpresión sen custo engadido. Os títulos de Estaleiro poden descargarse de balde na web.

“Estaleiro non exerce violencia simbólica sobre os autores que non aceptan a normativa legal do galego”, oufánanse dende o proxecto editorial. A revolução pendente, o achegamento do profesor Carlos Diegues (Bueu, 1978) a unha teoría do feminismo igualitario, publicouse en portugués. “Ademais de que podemos publicar autores directamente en portugués” [sairá Subúrbia Duas estações, poemas do brasileiro Óscar Mourave], explica, antes de analizar: “Se publicamos a un escritor reintegracionista, ten máis posibilidades de chegar a posicións centrais que se publica nunha editora estritamente reintegracionista”. Na planificación inmediata de Estaleiro, amais de Mourave, figuran o Manifesto contra o traballo, do grupo alemán Krisis, o teatro de Marcos Abalde (Vigo, 1982), Canibalismo, os relatos de Moncho Iglesias (Vigo, 1974) Tres cores e Máquina de guerra, o primeiro libro de poemas de Raida Rodríguez (Ourense, 1980).

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: