Letras non subvencionadas

Dezembro 3, 2008

protexta-letras-non-subencionadasContinuamos co espazo que este último número do Protexta dedica a Estaleiro e á edición libre:

Ser “referente daquelas criadoras e consumidoras que, como as in­tegrantes deste projecto, deman­dam uma alternativa ao circuito oficial da literatura e do pensamento subsi­diados e tem como objectivo a criaçom de um espaço de liberdade para a dina­mizaçom cultural, a inovaçom literária e o pensamento crítico”. Deste xeito se presentaba en sociedade na primavera deste 2008 Estaleiro Editora; impulsada por xente de letras que rolda a trintena e que atoparon en Internet o punto de apoio para dar saída a obras con voca­ción independente e sen preocupación polo destino final ou as posíbeis trans­formacións dos seus textos.

En apenas oito meses de vida, autores coma Alberto Lema, Rubén Ruibal ou Car­los Diegues xa confiaron os seus textos –aínda que non en exclusiva– a un proxec­to que non procura subvencións e rexeita as vías de distribución tradicional. Accede­mos así a volumes que o visitante do es­pazo web de Estaleiro pode descargar e ler no seu ordenador, aínda que tamén poden ser mercados ao máis que módico prezo de seis euros nunha ducia de puntos de venda en diferentes puntos do país.

Poderiamos preguntarnos, neste pun­to, as razóns que levaron aos impulsores de Estaleiro a optar polo papel, se temos en conta que elixen un sistema de edi­ción e licenza que ten en Internet o seu campo natural de vida. Segundo apunta a editora no que poderiamos conside­rar o seu manifesto fundacional, “o pa­pel impresso e um selo editorial sobre a capa continuam a ser objecto de desejo da maioria dos autores à procura dum lugar no campo literário, e até requisi­to imprescindível para conseguir o re­conhecimento dos pares ou, por exem­plo, para integrar umha associaçom de escritores”. Así as cousas, apuntan, a súa intención última non é outra senón “modificar esta situaçom, legitimando, criando, abrindo portas e caminhos ao presente, pensando no futuro dos cria­dores e da sua produçom”.

Deixamos, como de costume, para o final, unha ollada ao plano visual do sitio web de Estaleiro. Sobria, branca e negra, esta é unha páxina que, en opi­nión de quen asina, cumpre case á per­fección o papel para o que foi creada: servir de soporte para un proxecto no que a web é só a ferramenta para pre­sentar o que é nuclear: as obras litera­rias. Só anotaremos ao pé un defecto: o escaso ritmo de actualizacións do blo­gue que inclúe a propia web.

O importante investimento que supom a ediçom em imprensa tradicional tem representado historicamente um travom para aqueles que quigérom transgredir, criar novos caminhos e , em definitiva, evoluir, se o conceito de evoluçom fai al­gum sentido no que di respeito à literatu­ra ou à cultura. É principalmente por isso que muitos desses originais que os edi­tores recebem nom passam de ser umha ediçom pensada, e ainda bem se chega a ser pensada, para ter a possibilidade de se converter depois, anos depois, em ediçom póstuma e até, em determinadas ocasions, muito tempo depois, em parte do cánone promovido polas instituiçons culturais dum estado *. // D. L.

* Extracto do Manifesto fundacional

de Estaleiro Editora

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: