Editores de libros libres

Dezembro 1, 2008

protexta-editores-de-livros-livresReproducimos a continuación un artigo de David Lombao sobre editoras libres publicado no Protexta (Revista de Libros de Tempos Novos) deste Outono:

Montar unha empresa, no máis amplo sen­tido do termo, nunca foi doado, e menos en tempos de crise planetaria, ou univer­sal, como a que disque nos toca vivir. Así e todo, aínda quedan algúns ousados que, mesmo no mundo editorial, dan un paso á fronte e, aproveitando os recursos que ofrece Internet, optan por embarcarse en proxectos que buscan darlle unha volta ao labor de edi­ción, isto é, ao proceso de converter o manuscrito dunha escritora, dun poeta ou dunha dramaturga nun obxecto, dixital ou físico, que poida ser lido –ou consumido– por aqueles que así o desexen. Nos últimos tempos, no que poderiamos chamar “a rede galega”, asistimos ao na­cemento de iniciativas que non só se enrolaron nunha aventura coma esta, senón que ademais optaron por deixar de lado ese gran cabalo de batalla, que mesmo se ten convertido en dogma de fe para algúns, que é a propiedade intelectual, os dereitos de autor, baseando as súas creacións en licenzas Creative Commons.

Estas licenzas, que nunha tradución libre nos permi­ten falar de “copyceibe” fronte ao tradicional “copyrig­ht” poden permitir, por exemplo, a copia e distribución libre dunha obra ou a posibilidade de elaborar creacións derivadas dun orixinal, sempre e cando exista un recoñe­cemento cara ao autor e en ningún punto desa transfor­mación entren en xogo as fins comerciais. Liberados do lastre de pasar pola caixa das entidades recadadoras de dereitos, arrincaron no país iniciativas coma Estaleiro Edi­tora, Urco Editora ou Ediciós da Rotonda. Editan libros e mesmo os venden –mais a prezos realmente módicos–, pero, nalgúns casos, tamén nos permiten acceder á súa produción editorial de balde e sen fotocopiadora.

As filosofías destas editoriais son diversas, e poden ir dende a renuncia a calquera tipo de lucro que non “es­teja destinado unicamente à produçom de novos ma­teriais e à promoçom e distribuiçom dos já publicados”, no caso de Estaleiro, ata a consideración do “pouco éti­co e regresivo” que resultaría, en opinión dos responsá­beis de Urco, utilizar licenzas “restritivas” de copyright sobre textos que, como os que eles publican –novela gótica, fantástica e de ciencia ficción–, xa se liberaron delas e pasaron ao dominio público. Ademais, en casos coma o de Urco, o compromiso coa produción “libre” chega tamén ás ferramentas utilizadas para o labor de tradución: todos os programas informáticos que me­dian entre o texto orixinal e a súa chegada ao blogue da Editora e mais aos andeis das librarías son de código aberto, software libre.

Chegamos así a observar un panorama no que, ao abeiro da Rede, varios grupiños de xente nova andan a elaborar edicións realmente dignas de obras que van dende clásicos da fantasía coma Conan: a filla do xigante de xeo (Urco) ata o teatro contemporáneo de Rubén Rui­bal e Carlos Losada con Fume e Insomnio (Estaleiro) ou novelas lixeiriñas que retratan o intramundo composte­lán, coma O home inédito (Ediciós da Rotonda). Ningun­ha delas supera os dez euros na libraría, moitas poden ser lidas de balde, para acceder a outras non precisamos máis ca o equivalente ao prezo dunha caña en calquera bar. Para o lector –e para quen asina– quedan no aire al­gunhas preguntas. Se cadra, deberiamos cuestionarnos sobre o futuro do mundo editorial na era de internet, sobre a posibilidade de non gañar máis cartos coa pro­dución editorial que os necesarios para seguir editando e, por extensión, sobre o feito de escribir e editar polo puro pracer de facelo. // David Lombao

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: