Estaleiro Editora no Gara

Novembro 20, 2008

gara-estaleiroReproducimos, a continuación, a tradución do artigo sobre Estaleiro Editora publicado no diario basco Gara o pasado 31-10-2008 e en que se recollen declaracións dos integrantes do proxecto Mario Regueira e Iria Veiga.

ESTALEIRO, BILTZAR BIDEZKO LITERATURA

A primeira vista, Estaleiro só significa unha cousa: un lugar no que se constrúen barcos, en euskara ontziola. Con todo, no caso que nos ocupa, Estaleiro podería significar algunhas cousas máis. Por unha parte, podería facer referencia a un pasado e presente industrial; pola outra, ao recordo da loita obreira que tivo grande importancia neste contexto. Porque, de feito, Estaleiro é unha editora galega, unha fábrica de barcos de papel cunha característica diferencial: está organizada segundo un sistema asembleario.

Efectivamente, Estaleiro é a única editora asemblearia de Galicia. As decisión tómanse de xeito conxunto e desxerarquizado en xuntanzas nas que todos os membros teñen idéntico dereito a voto. Ademais, son abertas a todos os que queira participar. De feito, calquera que teña interese no proxecto pode solicitar entrar a formar parte como membro da asemblea, con capacidade de decisión sobre as obras a publicar  e mesmo sobre o propio funcionamento interno da editora.

A fundación da editora foi complexa. Para Mario Regueira, escritor e membro da asemblea,  pódese falar de dous momentos e dous tipos de asembleas. As primeiras foron as que levaron á fundación da editora e serviron  máis ben de asentamento de pontos comúns. Eran abertas e pedíase e promocionábase o acceso da xente. Foron a parte máis dura do proceso, levaron uns 9 meses. Eramos arredor de 15 persoas e había moitas visións distintas a coordinar.

Acadado o obxectivo de establecer unhas bases de funcionamento, as seguintes xuntanzas convertéronse en máis espazadas no tempo e enfocadas a tratar temas máis específicos. Por exemplo, a selección das obras. O procedemento é o seguinte: un número mínimo de membros le os textos propostos e estes levan os seus informes á asemblea, onde se discute sobre cal publicar. Con todo, todos os membros poden ler a obra e aportar o seu informe para o debate.

SEN ÁNIMO DE LUCRO

A produción de Estaleiro non é, a día de hoxe, abundante: levan tres libros publicados. A razón é que se plantexa como unha asociación sen ánimo de lucro. Todo o traballo se realiza de maneira voluntaria, dende a corrección dos textos ata os labores de promoción ou a distribución. De feito, nin sequera os propios autores cobran, o cal valeu algunhas críticas á editora.

Cada membro debe aportar unha única cota no momento do ingreso. Coa suma das aportacións dos primeiros membros sufragouse a primeira publicación. Posteriormente, os beneficios xerados polas vendas de libros máis as cotas dos novos membros son os que van marcando o ritmo de publicación das seguintes obras, posto que outra das particulares características de Estaleiro é que non acepta subvencións institucionais.

Ademais, os libros non só se imprimen en soporte papel, senón que tamén están a libre disposición na web da editora (www.estaleiroeditora.org) e réxense polos principios de Creative Commons, fomentando unha maior liberdade de difusión cultural. Polo tanto, os textos poden ser reutilizados noutros proxectos sen ánimo de lucro sempre que se cite a fonte orixinal.

NORMATIVA

O feito de carecer de ánimo de lucro pode reducir a produción, pero permite tomar certos riscos que outras editoras non poderían permitirse. Un exemplo é o terreo da normativa. No galego existe unha norma oficial para a escrita, regulada pola Real Academia Galega, que é a utilizada polos organismos oficiais, o ensino, os medios de comunicación e a grande maioría de editoras. Con todo, non é a única. Algúns autores optan por utilizar a normativa denominada reintegracionista, que se basea na identidade histórica do galego co portugués e aplica unhas regras gramaticais e ortográficas de fusión entre ambos.

A postura de Estaleiro a este respecto é clara: ofrecen aos autores total liberdade de elección a respecto da normativa. Mesmo os propios documentos da editora tratan de amosar esta pluralidade. Os membros teñen liberdade absoluta a este respecto á hora de representar a editora publicamente, por exemplo nas notas de prensa ou na páxina web.

Esta característica é outro dos rasgos de identidade máis salientables de Estaleiro, posto que moi poucas editoriais permite a publicación nas distintas normativas e foi un dos puntos nos que máis énfase se fixo nas asembleas de constitución. Como conta Iria Veiga, médico e membro da asemblea, coido que o grande punto de acordo foi a norma e o feito de poder editar títulos que non terían cabida en editoras máis comerciais.

XÉNEROS LITERARIOS

De feito, outra das características significativas de Estaleiro é precisamente a de prestar especial atención a xéneros comercialmente máis minoritarios, coma a poesía, o teatro ou o ensaio.

O primeiro libro publicado foi Plan de Fuga, de Alberto Lema, un poemario. Seguiuno Fume/Insomnio, dúas pezas teatrais escritas por Rubén Ruibal, conxuntamente con Carlos Losada no caso da segunda. O feito de que Rubén Ruibal resultase gañador do Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2007 demostrou a solidez e a visión na selección de autores. O último libro publicado ata o momento trátase de A Revolução Pendente, un ensaio sobre temática feminista de Carlos Diegues.

No momento actual Estaleiro conta con arredor de 40 membros, o dobre ca no momento da súa fundación, un colectivo constituído non só por xente vinculada de xeito profesional ou vocacional á literatura, coma filólogos, escritores ou xornalistas, senón tamén por membros interesadas na literatura en xeral de profesións non relacionadas coa especialidade.

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: