Eu son totalmente favorable á liberdade normativa, un principio que comeza a rexer en iniciativas culturais emerxentes como Estaleiro Editora

Novembro 11, 2008

maria-do-cebreiro-estaleiro-editoraDa moi interesante entrevista a María do Cebreiro, compañeira de Estaleiro Editora, que o xornal Galicia Hoxe publicou no pasado día 10 de novembro, destacamos unha pregunta en que se reflicte sobre un dos principios fundacionais do noso proxecto editorial, a liberdade normativa.

Para a lectura do resto da entrevista, aqui.

Respecto do idioma, María, entre normativas vixentes, cales son para ti as outras posibilidades… Libremente, filolóxicas e intelectuais. Cales?

Francamente, Manuel, as que queiramos que sexan. Nese sentido boto en falta un proceso serio de reflexión conxunta sobre este tema, onde todas as partes implicadas fagan o esforzo de cruzar posicións cos mínimos prexuízos posíbeis. A Universidade podería ser o lugar para unha discusión coma esta, pero como en tantos outros casos, semella desgraciadamente impermeábel ás dinámicas sociais deste tempo. O debate normativo vese ao meu ver moi escurecido polas visións parciais. Se cadra habería que comezar por relativizar certas ideas que todos parecemos asumir de antemán. Quen dixo, por exemplo, que a norma escrita dunha lingua ten que ser “unha, grande e libre”? Ás veces esquecemos que hai comunidades culturais nas que circulan con total normalidade varias normativas, e iso non as fai menos fortes. Eu son totalmente favorable á liberdade normativa, un principio que comeza a rexer en iniciativas culturais emerxentes como Estaleiro Editora. O que non ten xeito ningún é invisibilizar a produción cultural escrita en normas que non son a oficial: dende o momento en que realmente existe, ten dereito á existencia. Manuel Antonio foi o primeiro en rexeitar no seu manifesto unha fixación ortográfica estándar. Non estou dicindo con isto (riso) que Manuel Antonio fose o primeiro lusista. Pero neste debate, por veces, vexo un fetichismo da ortografía. Á fixación gráfica dáselle, na miña opinión, unha importancia que non debería ter, e asígnanselle a cada unha das posicións en lide valores ideolóxicos que son os que, finalmente, se discuten. E son, ao cabo, os únicos dos que se debería discutir.

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: