Buscabamos ser alternativos, pero iso colocounos nunha situación privilexiada

Julho 24, 2008

Reproducimos a continuación a entrevista a Carlos Figueiras, de Estaleiro Editora, publicada en A Nosa Terra, en xullo de 2008:

No rebumbio da cafetaría da Facultade de Filología de Santiago, en pleno congreso sobre o Século de Ouro, Carlos Figueiras fai un oco no seu traballo de investigación (“de Século de Ouro nada, o meu vai do 69 en diante”) para falarmos de Estaleiro Editora, unha iniciativa que permite editar textos en Creative Commons, sen ánimo de lucro.

Como se fai iso de editar sen ánimo de lucro?

No ámbito editorial sempre se asumiu que os autores non gañan diñeiro, e mesmo neste país corremos o risco de asumir que os autores pagan por publicar. Nós non gañamos cartos, como os autores, e ninguén paga por publicar. Páganse 30 euros por entrar, pero non hai cotas de asociado. Cadaquén paga co seu traballo e con opinións. Hoxe, a técnica permítenos xogar a ser editores. Se nos 80 se podía sacar un folletiño, hoxe as persoas que deciden que queren editar e que queren ler textos orixinais, poden face­lo. Cobramos os libros a 6 euros (e sáenos o original a 2 ou 3, dependendo da tiraxe). Non se gañan cartos, gáñase outra cousa.

Despois de experiencias de autoedición ‘outsiders’ (o fanzine, o traballo de Rompente, a literatura de cordel brasileira…) cal é o papel de Estaleiro?

Buscabamos unha estética alternativa en parte, no ámbito dunha literatura normalizada. Pero démonos conta de que ese obxetivo colocounos paradoxalmente nunha posición mesmo privilexiada. Veñen xornais a entrevistarnos, temos o primeiro autor toda unha semana no Diario Cultural, da Radio Galega. Publicas a Alberto Lema e pouco despois saca unha novela en Galaxia e tradúcese ao español. Tamén hai xente que fai o percorrido inverso: Rubén Ruibal recibe o Premio da Crítica Española de mans do ministro de Cultura (coa obra teatral Limpeza de sangue) e logo edita en Estaleiro.

Que outras diferenzas teñen coas editoras tradicionais?

Edítase moito para recibir subvención. Así, dificilmente hai peneira. O problema dos editores do sistema normal é que cando lanzan un libro que non venden, acaba no almacén. Aquí coidamos moito o que imprimimos, porque os cartos non se poden tirar, e logo hai que facelo funcionar: vender na porta do teatro, nas Festas do Barrio de San Pedro. É literatura defendida de forma bastante distinta ao habitual. De Plan de Fuga (poemario de Alberto Lema) vendemos perto de 200 exemplares.

Coas licenzas Creative Commons está mudando o concepto de propiedade intelectual?

Colocar un libro na rede non fai que diminúan as vendas. O libro segue a ter o seu valor simbólico como obxecto. Amais, neste país, a propiedade inteclectual, o feito de que alguén viva de escribir, só se entende se falamos de Suso de Toro ou Manuel Rivas.

A editorial recolle as múltiplas posibilidades ortográficas, permite iso unha apertura ao mercado lusófono?

Hai unha falta de valentía, e unha falta de respecto á liberdade intelectual, unha sorte de censura previa. Ou mesmo algo peor: non é que lle entregues un texto a unha editorial, é que non invistes esforzos en escribir algo que sabes que non vai ter saída. Pasou nos últimos anos do salazarismo e do franquismo: foron buscar ás gabetas dos escritores e non había nada. Queriamos que Estaleiro fose unha válvula de escape para os autores e autoras, pero resulta que somos unha porta aberta para que se empece a traballar con liberdade. Eu mesmo non teño onde publicar, e non o vou facer en Estaleiro porque a nosa filosofía non é esa. Na editora atopamos persoas de determinadas marxes, o que pasa é que o que pode ser marxinal ou “punki” para unha editorial madrieña, aquí é moderno. A única marxinalidade do noso sistema literario é a normativa.

Fáleme da nova liña que inaugurou Fume / Insomnio, de Carlos Losada e Rubén Ruibal. Necesítase unha alternativa na edición de textos teatrais…

Publicar en pdf está moi ben, democratiza a produción e mesmo abre vías para a súa internacionalización, pero o libro impreso ten certo capital simbólico certa dignidade. As dúas pezas teatrais ben podían ir coma dous folletíns, pero queriamos un libro. Pode editarse literatura dramática en galego sen institucións. A dificultade das licenzas no teatro é que os autores sempre queren ter algo que ver sobre os seus textos cando se van representar. Por outra banda, á xente gústalle, despois de ver a obra, ter o texto consigo.

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: