Os “sen editorial”

Julho 15, 2008

Reproducimos a seguir un artigo de Xoán R. Sampedro sobre Estaleiro Editora publicado o 12 de xullo de 2008 polo xornal Galicia Hoxe :

Os “sen editorial”

XOÁN R. SAMPEDRO . COMPOSTELA

12.07.2008 Carlos Figueiras: “Con Estaleiro procuramos unha incidencia político-cultural transformadora do sistema literario”

En outubro de 2006 celebrábase, no marco do II Simposio Internacional Letras Na Raia, a mesa redonda Os editores levan tanto tempo a publicar un libro que non admira que tantos sexan póstumos. Unha palestra cun título provocador, na que viu a luz un texto titulado Estaleiro Editora, umha alternativa editorial.

Nel, o autor Carlos G. Figueiras, como voceiro dun colectivo máis amplo de outsiders intelectuais, expuxo por vez primeira á luz pública un proxecto que levaba tempo a xestarse: “umha associaçom cultural sem ánimo de lucro que se rege por assembleia com o propósito de desenvolver um projecto de ediçom independente, capaz de abrir novos caminhos dentro do sistema literário galego”. A definición, ambiciosa, ten atrás un continxente humano procedente sobre todo das faculdades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación de Compostela, mais non só, construído en rede e sumando forzas cara a encher un espazo baleiro e relevante en potencia. Como nos conta Carlos Figueiras, “fomos detectando que os avanzos tecnolóxicos en edición e a chamada impresión baixo demanda, permitíanlle ao que viría sendo un club de lectores, alén de publicar un panfleto ou blogue cos libros de que gustan, xogar a ser un club de editores.”

A aposta é clara: a edición, sen vontade de lucro nin para os autores nin para a editora, polo valor en si de pór en circulación creacións que doutro xeito, por motivos diversos, non atoparían oco na edición empresarial. Os autores renuncian a tirar cartos do proxecto, pois que todas as ganancias xestionadas pola asemblea teñen como única fin a reprodución do proxecto en novas edicións de novas obras.

E non só: os autores renuncian, cando deciden apostar por Estaleiro, á propiedade sobre a obra. Cando menos, á concepción restritiva á que nos teñen afeitos instancias como a SGAE e a industria cinematográfica. “A autoría é sempre, obviamente, do autor. Mais partindo diso, calquera pode copiar, traducir, modificar ou republicar a obra, mentres cite autoría, non se lucre e estea disposto a compartir o resultado nas mesmas condicións. Mentres o Copyright ten unha natureza limitadora, as licenzas Creative Commons que utilizamos son un ofrecemento, un convite ao uso creativo e comunitario das creacións.”

Realizada a proposta, resultou ben interesante para (algúns) autores: o primeiro libro, Plan de fuga de Alberte Lema foi presentado en abril deste ano, simultaneamente para a descarga libre en internet e en edición en papel, como o serán todos os libros editados por Estaleiro. Logo, a fins de xuño, presentaban Fume/Insomnio, con dúas obras teatrais, unha delas asinada por Carlos Losada e Rubén Ruibal e a outra só por este segundo, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2007.

A fins de xullo terá saído do prelo un novo libro: “A revolução pendente. Feminismo e Democracia é un ensaio de Carlos Dias, co que por unha banda inauguramos a colección deste xénero e pola outra, por estar escrito en portugués padrón, abrimos unha vía que pensabamos interesante, porque nós editamos única e exclusivamente en galego, mais sen marcar limitación ao respecto da normativa”, di Figueiras. En canto á función do libro impreso, non ten dúbidas: “Se queremos incidir no sistema, hai determinadas armas do propio sistema que utilizar, e o libro é desas. É un soporte moito máis cómodo do que calquera dos dixitais que existen; e ten o valor engadido como obxecto que sen caer no decorativo debe ser bonito. Mais sobre todo, é capital simbólico para o autor: a súa aspiración, o que o identifica e lle permite reivindicarse entre os pares é o libro”.

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: