Estaleiro Editora no Faro da Cultura

Maio 24, 2008

Reproducimos a continuación a entrevista ao portavoz de Estaleiro Editora, Carlos Figueiras, publicada no Faro da Cultura, suplemento do Faro de Vigo, o 22 de maio de 2008:

Os subsidios son contraproducentes para a produción literaria galega”

Plan de Fuga, de Alberto Lema, e Fume/Insomnio, de Rubén Ruibal e Carlos Losada, veñen conformar as dúas primeiras obras publicadas pola libre editora Estaleiro: un proxecto que, segundo o seu portavoz, Carlos Figueiras, nace co devezo de abrir novos camiños no sistema literario galego e de xogar“lonxe das instancias da oficialidade e da cultura subvencionada”

-Con que obxectivos naceu Estaleiro Editora?

-Queremos abrir novas espectativas dentro do sistema literario galego. Na nosa opinión, a literatura galega depende dunha produción excesivamente mercantilista, e que está apoiada, sobre todo, en subsidios oficiais, o que fecha moitas portas: dunha parte, á liberdade dos creadores, e doutra, a arriscar por temáticas e dinámicas distintas. Cremos que os subsidios por axuda ao libro son moi contraproducentes para a produción literaria galega, xa que se elimina a perspectiva crítica e acaba alimentando unha sobreprodución de novidades que, moitas veces, non fai falta vender para rendabilizar. Pretendemos, logo, dende unha perspectiva de cultura non subvencionada, de produción lonxe das instancias da oficialidade, poder xogar en liberdade e ter unhas dinámicas e unhas perspectivas diferentes ás dunha empresa editorial.

– Estaleiro está constituída como asociación cultural e rexida por asamblea. Canta xente forma parte do proxecto?

-Cando presentamos Estaleiro, sempre andabamos a facer a graza de que é a editora máis grande de Galiza, porque somos por volta dos 40 socios. A implicación, claro, é distinta nuns que noutros: hai xente que ten máis tempo, outra que ten menos, xente que está emigrada en Barcelona e fillos de emigrantes en Barcelona que traballan connosco, xente que vive en diferentes lugares de Galiza. O grupo naceu un pouquiño a volta de facultades de humanidades de Santiago, mais é un grupo moi heteroxéneo: hai persoas do xornalismo, do deseño gráfico, da filoloxía, de económicas, algún avogado, xente que fixo másters de edición… Iso permítenos facer os diferentes traballos que necesita un proxecto editorial dende o coñecemento e a profesionalidade, unha profesionalidade non remunerada neste caso. Tamén somos un grupo heteroxéneo ao respecto da lingua: hai xente con diferentes opcións normativas, e esa é unha das liberdades que se pretende nesta libre editora: ao non pretendermos un subsidio por cuestións de lingua, tampouco temos que cinxirnos a unha terminada normativa.

– Que experiencias os inspiraron?

-Hai proxectos interesantes, como Virus, en Barcelona, Traficantes de sueños, en Madrid, ou eBooks-Brasil. Un dos nosos referentes, e neste caso propiamente galego, tamén é A Regueifa Plataforma; cremos que o traballo que Noel Feáns realiza dende aí é moi superior ao que ten feito ningunha produtora discográfica pola música xove deste país, canto á difusón e a posibilitar que a xente dea a coñecer os seus produtos. E ese é o noso camiño; temos licenzas Creative Commons, que son un tipo de copyleft, nas que o importante é difundir, gardando algúns direitos: hai que recoñecer a autoría, non se poden facer derivados das obras, e non se poden vender con ánimo de lucro e con licenzas diferentes ás orixinais. Pero a nós, polo demais, que nos copien todo canto fagamos, que se distribúa todo canto fagamos, e mesmo que nos copien o proxecto.

– En Estaleiro, autores e mais editores renuncian a calquera tipo de retribución económica polo seu traballo, un aspecto no que adoitan xurdir conflitos cando se fala de cultura libre. Que opinión teñen sobre isto?

-O noso plantexamento de traballo orixinario é así. Despois, se acontece que a xente que traballa connosco atopa outros lugares e outros camiños… pois moi ben, non caemos no talibanismo extremo de “non, é que hai que traballar como nós traballamos”. O que realmente pretendemos cun proxecto como este é crear un espazo de liberdade e de desafogo que coidamos que non existe; un territorio que nos permita apostar por xente xove, por repertorios diferentes ou por normas lingüísticas que non se subsidían e que, polo tanto, quedan de fóra do panorama habitual da produción cultural galega. E nese sentido, asumimos que non imos cobrar polo que facemos. O que si que temos moi claro é que non queremos que ninguén trafique e cobre co que nós facemos. Nós temos licenzas libres e asinamos un contrato cos autores no que as cousiñas aparecen moi claras. Por outra banda, tampouco se pode esquecer que moita desta xente xove, ou persoas que escriben en normas ortográficas que están fóra da oficialidade, moitas veces acaba pagando por publicar. Nese sentido, xa é un avance moi grande que non che cobren por editar o teu libro.

– Na presentación da editora, Vde. afirma que “a ediçom em papel vem sendo distintivo legitimador que certifica a existência do escritor e, portanto, da obra literária e do trabalho científico” É algo que queren mudar?

-Con respecto ao futuro do libro impreso, non nos aventuramos a facer predicións. Se algún día consideramos que a nosa incidencia, e a incidencia dos nosos autores, vai ser exactamente a mesma sen imprimir, ou que hai aparellos de reprodución que non lesionen o ollo humano da mesma maneira que non o fai o papel, pois tentarémolo. Pero, neste momento, as premisas son outras: queremos que a xente que connosco teña unha lexitimidade e unha dignidade tan grande como a de calquera un; queremos incidir no sistema, apostamos por ser representantivos; dende a nosa marxinalidade, pero porque a nosa marxinalidade teña unha certa presenza, e cremos que neste momento si é necesario.

– Hai cousa de dous meses, Rinoceronte Editora decidiu deixar de colgar na rede as súas obras, despois de que máis de mil persoas descargaran “A posibilidade dunha illa” de Michel Houllebecq, e, porén, só venderan un libro. Como lles vai a vostedes a dobre distribución, vía internet e vía soporte físico?

-Neste momento non che podo dar datos de lecturas vía internet, pero as outras van moi ben: do primeiro libro debemos levar por volta dos 150 exemplares vendidos, dos 300 totais, e cremos que, para un mes, son cifras que non se poden desprezar. Ademais, son estas vendas as que nos van permitir continuar editando. Isto é unha asamblea na que non hai cuota de asociado, na que se paga por entrar, na que despois se ten voz e voto, mais o que pretende é facer que os libros se manteñan polos exemplares vendidos. Outra das cousas polas que consideramos que estamos conseguindo manter esas cifras de venda é por traballar cos materiais de xeito directo. Nós vendemos sobre todo nas presentacións; o próximo libro de Rubén Ruibal e Carlos Losada queremos levalo ás portas dos teatros, que é onde fai sentido vender literatura dramática. Ese cariño e ese traballo humano de certo é o que nos permite vender un pouquiño máis que a frialdade dos andeis das librarías.

– Que libros teñen en proxecto?

-O 19 de maio saíu da gráfica “Fume / Insomnio”, o volume de Ruibal e Losada. Despois, supoño que para antes do verán, teremos un libro sobre teoría feminista de Carlos Dias, “A revoluçom pendente”, que está escrito en galego-portugués. Temos algunha obra máis aprovada, que quedará para a volta do verán, como é o caso do “Manifesto contra o traballo”, do grupo Krisis, unha tradución do alemán feita por xente do Estaleiro; outra tradución máis, neste caso dunha coletánea de cartas de Gramsci… Porque tamén queremos traballar a produción dende dentro; non de autores de dentro, que non somos unha plataforma de autoedición, mais si poder facer antoloxías ou traducións de cousas que consideremos convenientes.

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: