Estaleiro Editora en La Voz de Galicia

Maio 21, 2008

Reproducimos a continuación a entrevista ao portavoz de Estaleiro Editora, Carlos Figueiras, publicada por La Voz de Galicia o 18 de maio de 2008:

O poemario Plan de Fuga , de Alberto Lema, presentado na biblioteca pública Ánxel Casal e na Gentalha do Pichel nos últimos días, estreou a colección de Estaleiro Editora, un proxecto promovido por unhas 40 persoas de diferentes ámbitos, que levan dous anos de reunións na cidade para o seu deseño. Moitas delas son do campus norte e de Humanidades da USC, como Figueiras, que actúa de portavoz e esclarece os obxectivos dunha das iniciativas máis singulares para as Letras Galegas dos últimos anos.

-¿Como está a resultar a estrea da nova editora?

-Funciona ben. Inicialmente editamos cen exemplares, pois tíñamos moito respecto ao mercado, e xa ampliamos 300. Traballamos con impresión baixo demanda, o que abarata moito os custos e permite tamén asegurar que non temos a necesidade dun gran almacén para as devolucións nin un gran investimento de diñeiro que nos coloque en problemas económicos.

-Unha empresa pouco habitual, ¿non é?

-É que non somos unha empresa, somos unha asemblea e non temos o máis mínimo reparo en comentar como facemos as cousas, mesmo os custos.

-¿Que custos teñen, pois?

-Cada libro sae por volta duns 3 euros, e a venda é a 6 euros. Son prezos moi xustos. Non hai lucro para o autor nin para os editores, e a maior parte das vendas son en presentacións, e en diferentes actividades relacionadas coa cultura galega. Iso facilita traballar con estes prezos.

-¿Cal é entón o obxectivo que perseguen?

-O poder ofrecer na nosa sociedade unha cultura non subsidiada, afastada da industria cultural e dos poderes públicos, dos que moitas veces acaba dependendo a literatura galega. Os avances técnicos permiten formar un club de lectura que aspire a ser un club de editores. Calculamos que iso permitirá unha gran liberdade, e por agora é así.

-¿A que público queren chegar?

-Somos a primeira empresa galega que editamos con licenzas Creative Commons , con copyleft en lugar do copyright do mercado tradicional, con certas garantías para os autores. Queremos que se nos copie, estamos pola distribución e socialización da cultura, todos os nosos materiais estarán na rede e poderán ser consumidos de maneira íntegra e gratuíta. Así garantimos un certo igualitarismo no consumo de cultura e damos visibilidade á cultura galega en calquera lugar do mundo e gratis.

Neste mes, Estaleiro prevé colocar no mercado o segundo libro, con pezas teatrais do premiado Rubén Ruibal e de Carlos Losada. O terceiro será un ensaio de teoría feminista de Carlos Dias e sairá no verán, indica Figueiras. Tamén estudan algún proxecto audiovisual. Esta editora foi presentada en público no segundo encontro Letras na Raia, da Asociación de Escritores, onde dixeron que querían crear un espazo para a dinamización cultural, a innovación literaria e o pensamento crítico, con autonomía e dando liberdade ortográfica. Nese encontro «fomos tratados con moito cariño», explica.

-¿Son unha editora transgresora, diferente?

-Esa era a nosa idea, mesmo procurábamos unha certa marxinalidade. Aínda que iso na literatura galega é moi difícil.

-¿Por que difícil?

-É que na literatura galega todo vale para ser grande. Este proxecto xa ten un espazo como editor no Consello da Cultura Galega, o noso primeiro autor editado protagoniza programas de radio, somos reclamados para entrevistas de medios de comunicación e especializados, nos centros de ensino… e só hai mes e medio que publicamos o primeiro libro. Porén, algunhas sorpresas ofreceremos, de libros que non editarían outras empresas.

-¿Hai iniciativas semellantes na cultura do país?

-Si, a plataforma A Regueifa, que tanto ten feito pola música galega máis nova, é en parte un espello para nós.

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: