Lanzamento de Plan de Fuga

Abril 22, 2008

Para lembrar o lanzamento do primeiro livro de Estaleiro Editora, publicamos o comunicado de prensa do acto e algunha das fotografias do evento:

Gabinete de comunicación de Estaleiro Editora

Comunicado de Prensa

Estaleiro Editora lanza o primeiro proxecto editorial libre e galego

coa presentación do poemario Plan de fuga de Alberto Lema

O próximo venres día 18 de abril, ás 19:30 hh., Estaleiro Editora presentará, na nova biblioteca pública Ánxel Casal de Compostela Plan de fuga, o poemario de Alberto Lema con que se inaugura a actividade deste innovador proxecto cultural sen ánimo de lucro que, publicando baixo licenzas Creative Commons, avoga por unha cultura libre das imposicións da industria institucionalmente subsidiada ou dominada polas leis do mercado e as limitacións dos copyright.

Coa presenza do autor, o poeta Alberto Lema, da tamén poeta e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela María do Cebreiro, que asina o prólogo de Plan de fuga e do portavoz de Estaleiro Editora, Carlos Figueiras; o acto será a primeira intervención pública deste recente colectivo editorial que pretende desenvolver un proxecto independente, capaz de abrir novos camiños dentro do sistema literario galego.

María do Cebreiro, figura de relevo da poesía galega e da investigación literaria na nosa universidade, descrebe Alberto Lema como un poeta que “ten pouco de posmoderno” e que “leu con especial aproveitamento o cerne da poesía moderna en lingua inglesa, que é como dicir a modernidade toda” e dinos que os versos Plan de fuga “son fondos e son limpos” e pertencen a unha poesía “que quere casar connosco ainda que non teña roupa” feita “nun lugar onde unha perna tapa a outra”, para acabar afirmando que “Lema escribe como un poeta clásico. Porque tivo o bo gusto de elixir a vangarda para a vida”.

Estaleiro Editora, o selo que presenta neste acto o seu primeiro produto acabado preténdese referente daquelas creadoras e consumidoras que, como as integrantes deste proxecto, demandan unha alternativa ao circuíto oficial da literatura e do pensamento subsidiados e ten como obxectivo a creación dun espazo de liberdade para a dinamización cultural, a innovación literaria e o pensamento crítico. É por iso que o Estaleiro editará baixo licenzas Creative Commons, permitindo e ainda fomentando a posíbel reutilización das súas publicacións, só esixindo ser informado da edición dos novos materiais, que esta se faga baixo o mesmo tipo de licenza, citando a edición orixinal e tamén sen ánimo de lucro. Ademais, coa intención de fomentar o consumo dos seus produtos culturais, o Estaleiro colocará todos o seu materiais no seu web, www.estaleiroeditora.com, para descarga libre e gratuíta.

A pesar das dificuldades que implican a distribución propia e o traballo con prezos reducidos (6 € para Plan de fuga), o Estaleiro manifesta a súa satisfacción pola boa acollida que está a ter o presente libro, tanto por parte das lectoras e lectores como por parte das librarías galegas.

Atentamente, saúdos:

Gabinete de comunicación de Estaleiro Editora

Os comentários estão fechados.

%d bloggers like this: