Identidade e xustiza

Fevereiro 20, 2009

Reproduzimos a continuação a resenha do ensaio de Carlos Diegues, A Revolução pendente. Feminismo e democracia, publicada no blogue O Funambulista Coxo no passado dia 2 de Setembro de 2008.


o-funambulista-coxo

IDENTIDADE E XUSTIZA

Se me pareceu encomiable a aparición en Xerais do novo ensaio de María Xosé Queizán, non me parece menos interesante a última entrega da pequena editorial Estaleiro que, abordando tamén a cuestión feminista, publica o libro de Carlos Diegues A revoluçao pendente. Feminismo e democracia.
O autor deste traballo fai memoria da noción de recoñecemento que, como el mesmo di na introducción, «pode e deve utilizar-se, sem dúvida, para abrir a definição de democracia num sentido radical, através do consenso de princípios normativos elaborados em situação de igualdade e liberdade. O reconhecimento pode representar un contributo sério para construir uma alternativa política coerente e global, crítica com um processo globalizador que castiga de maneira especial as mulheres, em forma de violência, de exclusão da cidadania plena e de feminização da pobreza».
Ao longo do texto dánsenos a coñecer as orixes do concepto de recoñecemento desde as súas primeiras formulacións hegelianas onde «a conhecida dialéctica do amo e o escravo equivaleria a uma luta pelo reconhecimento das identidades que so pode resolver-se [en opinión de Hegel] na síntese ética reconciliada que é o Estado» e roussonianas co seu «apreço pelo elemento emocional e relacional da identidade» até a formulación adquirida por esta cuestión tras o chamado «xiro lingüístico» habermasiano definido por Diegues como unha «tentativa de recuperação dos vínculos sociais mediante a interacção comunicativa, na procura do consenso normativo». Esta tentativa desenvolvida por Habermas na súa
Teoría da Acción Comunicativa tería fracasado, segundo o autor, debido á concepción abstracta e «ahistórica da identidade que ignora os contextos reais de subordinação das mulheres». Así, se Habermas tentaba reconstruír unha razón ilustrada totalmente fragmentada e posta en cuestión nas sociedades posmodernas, un ideal ético asumible polo conxunto da sociedade coa súa formulación da identidade individual como produto da interacción lingüística dos diferentes suxeitos; a súa aposta por un suxeito abstracto (masculino de facto) e o seu esquecemento do suxeito feminino viría deixar o seu proxecto –en opinión de Diegues e de autoras que, como Sheyla Benhabib, emprenderon a crítica a Habermas– eivado.
O debate xerado polo chamado multiculturalismo dos anos oitenta é sintetizado por Carlos Diegues na polémica mantida entre Iris Young e Nancy Fraser. A crítica multicultural, onde cada loita parcial (feminismo, ecoloxismo, anticolonialismo, etc.) creaba tamén a súa identidade en busca de recoñecemento, propiciou que, ademais, emerxese a «diferença no interior da identidade feminista». Esta diferenza habería partir ás pensadoras entre aquelas que enfatizaban o que hai de común en todas as mulleres (o esencialismo que tanto critica María Xosé Queizán en
Anti-natura) máis interesadas no «paradigma do reconhecemento» (identidade), e aquelas que incidían na imposibilidade de falar da muller como un todo, obviando aspectos como a raza, a clase social ou o lugar de nacemento, máis atentas ao «paradigma da redistribuição» (xustiza social). Se Iris Young sería a representante da primeira tendencia, Nacy Fraser –que Diegues trata a fondo– representaría á segunda.
«As propostas de Nancy Frasser –di o autor– encaram a análise da distância existente entre uma política de classe e a política da identidade» pois «uma política do reconhecemento tende a promover a diferenciação do grupo enquanto a política de redistribuição tende a abolir as suas causas». Ao afrontar este dilema, o pragmatismo de Fraser bota man do que chama unha «perspectiva dual» consistente na «combinação das duas classes de políticas, isto é, as políticas redistributivas, que buscam a transformação das estruturas sociais e eliminan as diferenças e as políticas culturais, que deconstruem as identidades num sentido de afirmação da diferença. Unha diferenza que para Fraser «nao tem outra intenção que nao seja a de descobrir as diferenças que merecem ser estimuladas, ou melhor dito, aquelas identidades que hão-de-ser combatidas porquanto nao favorecem os ideais de justiça social próprios de uma sociedade livre e igualitária».
Pretendendo con este breve comentario do libro de Carlos Diegues, non tanto facer unha recensión exhaustiva do mesmo, como expresar a coincidencia co autor no valor outorgado á idea de recoñecemento e máis ao pensamento de Nancy Fraser, non me vou estender máis. Tanto un coma o outro se me antollan interesantes achegas para o posible bocexo dunha doutrina que aglutine e rebaixe a tensión crecente entre a necesidade de recoñecemento nacional para o noso país coa necesidade que tamén sentimos os que aquí nacemos de expresar politicamente a nosa fraternidade sexa cos oprimidos espallados por todo o globo, sexa con aqueles que –vindos doutras partes do mundo– deron en recalar ás nosas costas traendo consigo outros costumes, outras falas e outras demandas; algo así como unha teoría do nacionalismo galego na era da globalización.
Se na práctica hai xa lugares (Bolivia ou Ecuador) onde o recoñecemento da identidade indíxena se conxuga cun forte compoñente de xustiza económica e de consecución de dereitos sociais sen que isto renxa ou sexa experimentado como contradictorio, penso que, entre nós, aínda carecemos dunha teoría máis ou menos estruturada que espante todos os fantasmas que a cotío levantan as políticas da identidade. Carlos Diegues, ao preguntarse se «o feminismo pode representar na actualidade uma opção de justiça capaz de integrar num novo paradigma de justiça a liberdade e a igualdade, a defesa da identidade cultural e da redistribuição igualitaria dos recursos» parece querer ofrecernos algunhas valiosas pistas para un tema que interesa.


estaleiro_gznsv_150209O colectivo editorial Estaleiro Editora achegouse á saída da manifestación Galiza non se Vende, no pasado domingo 15 de febreiro, para colocar unha banca de livros na Alameda de Compostela aproveitando a asistencia de moitos dos seus integrantes á manifestación organizada por esta plataforma popular.

Dende Estaleiro queremos agradecer, como sempre, o apoio das leitoras ao noso proxecto, que se materializa na compra de materiais nas presentacións das nossas novidades editoriais e neste tipo de actos. Finalmente, son as vendas as que permiten reinvestir na edición de novos libros e fan que Estaleiro Editora continúe a ser un proxecto libre e viábel.

Reproducimos, a continuación, a noticia orixinal sobre a manifestación redixida pola entidade organizadora:

GNSV enche a Quintana dos Mortos

Milleiros de persoas chegadas de toda Galiza convertiron a praza da Quintana nun escenario dende o que se clamou pola vida. A vida dos nosos mares e da nosa terra. A vida da nosa xente, dos coetáneos e dos vindeiros. Un berro que advirte aos gobernantes que non hai diñeiro suficiente para mercar o mellor patrimonio dos galegos. Que a dignidade non ten prezo. Escribía García Lorca que na Quintana dos mortos bailaba a triste lúa coronada de toxos. Hoxe foi o sol o que alumeou un acto no que se reivindicou a comunión do home co seu entorno.

O pasado ano tivo lugar en Compostela outra manifestación de GNSV que conseguíu reunir a 10.000 persoas. Naquel intre os problemas mais denunciados polos manifestantes foron os que ameazaban convertir o litoral, as rías galega, os lugares protexidos como o Courel, ou mesmo a Terra Chá, en suculentos negocios para multinacionais máis interesadas en esquilmar a riqueza desta terra que evitar o empobrecimento dos galegos. A pesar dese clamor popular en defensa dun hábitat respectuoso co medio ambiente e garante de fonte de riqueza para os galegos, o goberno non modificou un ápice a súa política de beneficiar ás grandes empresas enerxéticas, acuícolas, mineiras e inmobiliarias.

Esta actitude desdeñosa dos nosos gobernantes cara ás xustas reivindicacións da sociedade galega propiciou que hoxe esta tivese que tomar de novo as rúas de Compostela para demandar dunha vez  por todas un cambio de rumbo. A resposta dos galegos foi inequívoca e xa non se poden expoñer razóns de interese  xeral para seguir vendendo ao capital o que é dos galegos.

Ao final do traxecto, despois de percorrer o admirábel casco histórico de Compostela, nas mesmas escaleiras da praza que simbolizan a liña divisoria entre  a Quintana dos mortos e a dos vivos, foi lido un manifesto consensuado pola totalidade das asociacións convocantes da mobilización. Nel se incidía nas nefastas políticas ambientais que devastan os recursos naturais de Galiza e alimentan unha orde social inxusta e insustentábel.

* A fotografía principal deste post foi tirada do blogue Madeira de Uz.

cdiegues-antReproduzimos a continuação o artigo de publicado, no dia 23 de Novembro de 2008 no semanário A Nosa Terra, sobre o livro de Carlos Diegues, A Revolução Pendente. Feminismo e Democracia.

Carlos Diegues: ‘recorrín ao feminismo como ideal emancipatorio, como ferramenta teórica’

Redacción . Carlos Diegues, licenciado en Ciencias Políticas e doutorando en Filosofía, presentou onte o seu ensaio, ‘A revolução pendente. Democracia e feminismo’, nesta facultade en Compostela. Acompañábano a catedrática María Xosé Agra, directora do Traballo de Investigación Tutelado do que saíu o ensaio, e autora do limiar, e Iria Sobrino, en representación de Estaleiro Editora.

A revolução pendente. Feminismo e democracia é o terceiro volume editado por Estaleiro Editora, unha iniciativa “sen ánimo de lucro, pero con moito ánimo”, como dixo Iria Sobrino, coma sempre, en formato libro e de libre descarga en pdf na rede. A editora, que traballa con licenzas Creative Commons, publicara o libro de poemas Plan de fuga, de Alberto Lema, e o de teatro Fume / Insomnio, de Rubén Ruibal e Carlos Losada. Este volume de Carlos Diegues inaugura a colección de ensaio, e está escrito en portugués padrão (Estaleiro respecta a normativa en que decidan escribir os autores e as autoras).

O ensaio de Diegues ten a súa orixe nun traballo académico. “É importante que estes traballos salten a barreira”, indicou Sobrino. Tamén a catedrática de Filosofía Política e Moral da USC, María Xosé Agra, directora do traballo de investigación, felicitou a iniciativa de Estaleiro e salientou a necesidade de saíren, os traballos académicos, “dun espazo moi restrinxido, que ás veces limítase mesmo ao tribunal que o avalía”.

Agra salientou tamén a necesidade de que tamén os homes entren no terreo da teoría crítica feminista: “moitos, mesmo do ámbito académico, amosan certa reticencia a asumiren unha mudanza no seu pensamento que integre a crítica feminista”. Lembrou tamén que existe pouca tradición en Galiza de ensaio feminista dende o pensamento: “Diegues recorreu a Hegel, para explicar a loita polo recoñecemento”, e, dende as teorías do multiculturalismo, “mira o texto con outros ollos sen deixarse levar polas modas”.

A catedrática lembrou como este “tema estrela” dos 90 entrou en crise co 11 de setembro, e impúxose o cosmopolitismo como solución. “A cuestión é que é recoñecer outro ser humano como igual. As diferenzas estannos interpelando cada día, e a teoría feminista fixo unha reflexión importante neste sentido, amais de achegar ferramentas teóricas e prácticas”.

Carlos Diegues lembrou que a cuestión de xénero, como calquera outro debate político, trae canda si unha serie de paradoxos: “o feminismo nace coa Revolución Francesa, pero é decapitado por ela (literalmente, se lembramos a Olympe de Gouges)”. O libro achégase, dende o debate teórico, ás loitas do feminismo “contra un concepto de democracia estraño”.

Pór en cuestión as democracias liberais

Recorreu a autoras que vinculan a teoría política co feminismo, como Judit Butler, Iris Marion Young, Susan Moller Okin ou Nancy Fraser, “lamentabelmente pouco coñecidas”, e partiu dun marco teórico que relaciona recoñecemento, identidade e igualdade. “O feminismo non pretende outra cousa que ampliar a cidadanía democrática a toda a sociedade”. Lembrou como, no contexto das teorías do multiculturalismo dos 80, entendíanse as reivindicacións feministas como as de “outra minoría máis”.

“O feminismo quería ir máis alá: as mulleres non son unha minoría, son a metade da humanidade. Tratábase de pór en cuestión o liberalismo (e o neoliberalismo, que chega a ter tendencias mutantes, a día de hoxe, até pedir a intervención do Estado). O feminismo historicamente atacou a democracia liberal, e tentou acabar coa dicotomía público / privado, ética / política”.

Outro dos debates, que xurdiu tamén nas conversas co público, foi sobre os postulados esencialistas do feminismo da diferenza. “É perigoso defendermos as esencias: condenamos as identidades á morte”. O feminismo saíu hai tempo do couto vedado, de ser unha reivindicación para as mulleres brancas, occidentais, de clase media, angloparlantes e heterosexuais. “O feminismo do que se fala neste libro identifícase coa esencia da modernidade: liberdade, igualdade, fraternidade” (malia preferirse neste ámbito “solidariedade”, ao ser “fraternidade” un termo relacionado coa irmandade exclusivamente entre varóns, etimoloxicamente).

Tampouco considerou que o feminismo teña como fin deixar de ser necesario, cre máis na “revolución permanente” de Trotski. Pensou no feminismo como “ideal emancipador, e, polo tanto, de esquerdas”, malia afirmar tamén “que existiron matrimonios desgrazados, entre feminismo e outras ideoloxías”, e citou o socialismo, sen entrar en maior detalle. “Este libro non é so feminista, fala dunha teoría do xénero, recorre ao feminismo como ideal emancipatorio e como ferramenta teórica”

imagen-078Sob o lema Criar e construir alternativas desde Galiza, desenvolveu-se em Compostela o primeiro encontro dos movimentos sociais galegos, no passado dia 6 de Dezembro. Convidados polo C.S. Madia Leva, Estaleiro teve a oportunidade de difundir o seu projecto no “Espaço de Comunicaçom”. A essa mesma hora estavam-se a realizar três interesantíssimas mesas redondas nas salas adjacentes. No ambiente dos três dias do foro respiravam-se aquelas palavras de Castelao no álbum Nós de 1931 há sítio para todxs.

Isaac Lourido foi o encarregado de falar da editora. Na sua intervenção foi sinalando os pontos fundacionais do colectivo.  Em primeiro lugar falou da libertação e democratização da cultura e isto ligou-o com o copyleft e as licenças Creative Commons ao questionarem a propriedade privada, neste caso a intelectual. Também sublinhou a defesa do galego e, portanto, da liberdade normativa. Sem esquecer, a importância da criaçao e difusão de pensamento crítico e, como prova material de todo isto, Carlos Diegues apresentou a Revolução pendente. Democracia e feminismo. Mais uma vez o autor salientou o feminismo como ideal emancipatório radical e a centralidade que o reconhecimento da identidade deve adquirir na praxe política.


imagen-075imagen-0731

A verdadeira igualdade

Fevereiro 7, 2009

cdiegues-ghoxe-1Reproduzimos a continuação o artigo de M. Dopico sobre a publicação do livro de Carlos Diegues, A Revolução Pendente. Feminismo e Democracia, aparecido no dia 23 de Novembro de 2008 no jornal Galicia Hoxe.

A VERDADEIRA IGUALDADE

23.10.2008 Carlos Diegues avoga por unha democracia radical que supere a subordinación práctica da muller que se asenta na desigualdade económica

M. DOPICO . SANTIAGO

O colectivo Estaleiro Editora presentou onte en Compostela a obra que inaugura a súa colección de ensaio: A Revolução Pendente, Feminismo e Democracia, do investigador Carlos Diegues. O libro, froito da primeira parte do traballo de doutoramento do autor na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago, reflexiona sobre a falta de recoñecemento da identidade de xénero nas democracias actuais e a súa consecuencia: a subordinación política, social e económica das mulleres, para analizar despois as propostas que desde a teoría feminista se artellaron para superar esta situación.

Estaleiro Editora -un proxecto editorial independente impulsado por unha asociación cultural sen ánimo de lucro-, avanza coa publicación deste ensaio na consecución do seu obxectivo de “difusão de pensamento crítico, com a consciência de que o Reconhecimento pode representar, em palavras do autor, uma contribuição para a construção de uma alternativa política coerente e global, crítica com um processo globalizador que castiga de maneira especial as mulheres, em forma de violência, de exclusão da cidadania plena e de feminização da pobreza, segundo explica nun comunicado.

A obra, editada baixo licenza Creative Conmons, pódese descargar gratuitamente do web www.estaleiroeditora.org, ou mercar nos puntos de venda da editora a un prezo de oito euros. “A publicación deste libro é unha aposta valente por parte da editora, xa que é un ensaio, un libro feminista, e escrito en portugués. O que pretendemos é difundir un texto que doutro xeito dificilmente chegaría ás librarías…”, comentou Carlos Diegues nunha entrevista.

Diegues aborda, na primeira parte desta obra, a evolución do concepto de recoñecemento en distintos autores da historia da filosofía moral. “Nos anos 80 o feminismo iniciou un debate co multiculturalismo. As feministas rexeitaban que se considerase ás mulleres como unha minoría máis, como as minorías étnicas que facían valer daquela as súas demandas en Canadá e Estados Unidos. Porque as mulleres non representan unha minoría, senón a metade da humanidade. As feministas cuestionaban a separación entre o público e privado que relegaba as mulleres ao ámbito do privado, marxinándoas, na práctica, na vida política. Ao criticar o multiculturalismo, as feministas criticaban á vez o liberalismo clásico e a democracia liberal”, subliñou Diegues.

A teoría feminista asentou, entón, na idea de recoñecemento, a procura da reconciliación entre o público e o privado. “Nancy Frazer foi unha autora moi importante porque defendeu que non abonda cun recoñecemento cultural da identidade de xénero. Non chega con que se respecte o feminino, se o Estado segue discriminando na práctica as mulleres para que poidan ser autónomas no seu día a día. É necesario, segundo Frazer, activar medidas de redistribución económica: acceso ao mercado de traballo en iguais condicións, servizos que permitan conciliar a vida laboral coa familiar… E resumiu isto no concepto de xustiza dual”.

CONTIDO

Os obstáculos para a participación real nos dereitos de cidadanía

Se o multiculturalismo definiu a identidade como dereito á diferenza, o feminismo pasou a comprender o recoñecemento das diferenzas como un elemento fundamental da xustiza, entendida na súa dimensión cultural e económica, incluíndo a loita contra as condicións socioeconómicas que relegan as mulleres a unha posición subordinada na sociedade.

E desde o feminismo chegouse á defensa dunha democracia radical que vai máis alá da igualdade formal que as actuais democracias liberais recoñecen ás mulleres. “Unha verdadeira democracia é a que amplía o concepto de cidadanía no sentido de que integra unha perspectiva de xénero, é dicir, fai que as mulleres poidan participar realmente nos dereitos de cidadanía en condicións de igualdade, ao garantirlles unhas iguais condicións materiais”.

E, dado que a subordinación das mulleres é un fenómeno global, “o feminismo ten que ser global. Como non hai unha identidade feminina, senón múltiples identidades femininas, trátase de buscar uns puntos éticos comúns, uns postulados de xustiza social de mínimos cos que homes e mulleres poidan actuar globalmente”, concluíu Diegues.