carlos-figueiras-estaleiro-editora

Recuperamos agora a intervenção de Estaleiro Editora, em 19 de Março de 2008, no programa Diario Cultural, da Radio Galega, por medio de uma entrevista a Carlos Figueiras motivada pela apresentação pública do projecto e o lançamento do livro Plan de Fuga, de Alberto Lema.

Para ouvir a entrevista:

Carlos Figueiras (Estaleiro Editora) no Diario Cultural (19/03/2008)

melhores-iniciativas-2008-estaleiro1

O web www.fervenzasliterarias.com vem de celebrar o concurso O mellor do 2008, iniciativa que, para as organizadoras e organizadores, cumpre “a finalidade de coñecer cales foron os mellores libros, autores, ilustradores, editoriais, … do 2008”. Para atingirem este objectivo, de www.fervenzasliterarias.com solicitavam às suas leitoras e leitores que, durante o último mês, votassem pelas suas preferências literárias do ano que deixámos atrás.

Nos resultados da categoria de “mellor iniciativa literaria do ano” Estaleiro Editora aparece em segundo lugar, só por trás de Cultur.gal e por diante dos Prémios Xerais, Galeusca e os Premios Nacionais da Cultura Galega.

É por isso que, de Estaleiro Editora, só podemos congratular-nos da valorização das leitoras e leitores de www.fervenzasliterarias.com e continuar a agradecer o apoio social que costuma receber o trabalho desenvolvido pelo nosso colectivo.

Parabéns à organização pela iniciativa e a todos aquelas pessoas e projectos cujo trabalho é recompensado pelos resultados das votações.


xornal-logo

Reproducimos, a continuación, a entrevista a Vítor Suárez, membro fundador de Estaleiro Editora, publicada hoxe, 6 de xaneiro no Xornal de Galicia:

Victor Paz Morandeira / XORNAL.COM I Santiago.- A industria editorial está controlada por uns poucos que marcan as regras. Nos tempos da Internet, este imperio parece difícil de manter e, aínda que as iniciativas que xorden da rede de redes non chegan a ter un impacto mundial, existe un xermolo de guerrilleiros intelectuais pola liberdade creativa total que non cesan na loita. É o caso da editorial Estaleiro, unha asociación de 40 membros que se perfila coma unha alternativa interesante con moito que contar. Un dos seus fundadores, Víctor Suárez Díaz, desvela os segredos deste colectivo.

Como xurdiu a iniciativa?

Reunímonos un grupo de amigos alá polo inverno de 2005. Sabiamos que queriamos un proxecto editorial alternativo e decidimos convidar a outras persoas para unha posta en común. O proxecto procura unha diversidade de ensaios, unha distribución alternativa por centros sociais e unha liberdade normativa.

Entendo, logo, que a lingua xogou un papel importante.

Non tanto, no sentido de que para nós non é importante editar nunha soa normativa. As propias editoras fano na oficial, porque asumen a violencia que exercen os poderes culturais e políticos, porque se dobregan perante a política dos subsidios. Nós non temos problemas entre as persoas que somos claramente reintegracionistas como as que non o son. Tivemos claro dende o principio que queriamos respectar a liberdade para escribir na normativa que se prefira.

E como se arreglan cos cartos?

As persoas que constituímos a editora estamos asociadas. Hai unha cuota de 30 euros de ingreso e iso é o único que se paga. Isto ten a función de crear un diñeiro inicial para autoxestionarnos, porque non temos ánimo de lucro e os cartos que se gañan cos libros que se venden úsanse para sacar os seguintes adiante.

A nivel de organización do traballo, como funcionan?

Tivemos a sorte de que os que nos xuntamos sabiamos como funciona o sistema editorial e cultural de algunha ou outra maneira. Hai xente que sabe maquetar, outros que dominan diversas linguas e poden traducir, outros poden correxir nun bo nivel de galego e hai persoas que levan as contas e a distribución. Repartímonos.

A cuestión da visibilidade e proxección. Cónteme como a plantexaron.

Queriamos distribuir a obra de balde, polo que creamos unha páxina web o pasado febreiro, dende onde se poden descargar todos os nosos orixinais. Dende hai uns dous meses, xa temos tamén un blog no que subimos as novidades que van xurdindo, como as apresentacións.

E a distribución en papel?

Facémola, sobre todo, por centros sociais. Ofrecemos apresentacións dos nosos libros e así tamén lles damos vida a eses centros, enchemos o seu calendario cultural e cedemos un exemplar. Coas librarías, colaboramos en menor medida, porque é economicante inviábel unha distribución convencional.

Os orixinais, como os reciben?

Establecemos unha serie de prazos, normalmente dous ao ano. Os autores envían os orixinais ao noso enderezo electrónico e despois facemos a selección.

Como contactan cos autores?

Son eles os que acuden a nós, aínda que inicialmente nos achegaramos a algúns que coñeciamos de primeira man para poñer en marcha o proxecto. Agora son eles os que mandan as obras ao correo e nós comunicámoslles se nos interesan ou non e os pasos que teñen que seguir para que as publiquemos.

–Explíqueme ese proceso.

Reunímonos unha vez ao mes. Nestas asembleas, debatimos cantos orixinais estamos dispostos a publicar en función dos cartos cos que contemos, os nosos intereses a a variedade editorial. Decídense os prazos e a secuencia que se van aplicar e imos adiante. De feito, os próximos cinco libros que imos editar parten dunha decisión que tomamos na asemblea de setembro.

Como imprimen?

Usamos os actuais sistemas de impresión dixital para editar libros baratos (se se entra na súa páxina web –www.estaleiroeditora.org– pódese comprobar que ningunha das obras superas os oito euros). Somos a editorial máis barata de Galicia, aínda que isto tamén é posíbel porque nós non recibimos remuneración e iso abarata custos.

Outra alternativa ao libro tradicional é o electrónico. Como cre que vai ser a súa progresiva implantación?

É complicado, sobre todo no que se refire á súa escasa capacidade actual de lle dar capital simbólico ao autor. Un pode publicar dez obras en formato electrónico e pasar case desapercibido. Se unha desas obras é publicada en formato libro, a visibilidade é inmediata. Os dereitos de autor tamén dificultan todo.

E logo?

Hai pouco tivemos un problema nun premio literario. O noso autor, finalmente, non gañou porque xa publicara antes a obra nun blog, e o xurado considerou que esa obra xa non era inédita. Aínda queda moito por perfilar nos dereitos de autor na Internet, onde comezan e onde rematan e como se regula todo isto.

Proxectos para o futuro.

Ademais deses cinco libros que, xa dixen, temos pensado publicar ao longo do ano, temos en mente unha especie de caderno-DVD.

Que se colgaría tamén na web.

Non o sei todavía. É un proxecto interesante que se xestou hai pouco, pero está aínda por definir e non sei se o daremos sacado para este ano.

Xa vai case un ano que se creou a páxina web. Como valoran a experiencia?

É bastante satisfactoria. Cando chegan as caixas da imprenta e repartimos os libros, é un pracer. Estamos moi contentos co traballo realizado. Presumimos de que o produto é froito dun traballo colectivo, no que ninguén impón absolutamente nada nin é dirixido, e publicamos en función dos nosos gostos colectivos, decididos en asemblea, o que me parece moi importante.

A cultura horizontal

Dezembro 29, 2008

ee-el-pais-19-12-088Reproducimos a continuación a reportaxe “A cultura horizontal. Estaleiro é a primeira editora en apostar polo ‘copyleft’“, publicado por El País no pasado 19 de decembro, en que se recollen diferentes informacións sobre o pasado, presente e futuro do noso proxecto editorial e declaracións de Vítor Suárez, membro fundador de Estaleiro Editora.

A cultura horizontal. Estaleiro é a primeira editora en apostar polo ‘copyleft’

Trinta ou corenta persoas interesadas “en producir cultura libre”. Esas foron as condicións de nacemento de Estaleiro Editora, o único proxecto editorial galego que refuga os dereitos de autor tal e como se entenderon até agora. “Utilizamos licenzas libres de edición porque así resulta máis doado”, resume Vítor Suárez, membro fundador de Estaleiro, quen engade: “Evidentemente, hai unha cuestión ideolóxica; todos os socios da editora compartimos unha visión crítica sobre a lexislación actual sobre a propiedade intelectual”. “A liberación cultural baseada no copyleft”, funcionamento asembleario ou espazo á marxe “da literatura e o pensamento subsidiado” con tres libros na rúa poden conformar, segundo os seus traballadores, unha definición aproximada da actividade de Estaleiro. O proxecto presentouse en Santiago de Compostela o pasado mércores.

Malia a que historia da editorial arrinca en 2005, non foi antes de febreiro deste ano que Estaleiro botou o seu primeiro barco. Plan de fuga titulou Alberto Lema (Vimianzo, 1975) os seus poemas para o experimento. Apenas tres meses despois, o propio Lema publicaba Unha puta percorre Europa, simultaneamente en Galaxia (galego) e Caballo de Troya (castelán). Rubén Ruibal, premio Nacional de Literatura Dramática en 2007 con Limpeza de sangue, tamén agardaba quenda de edición no Estaleiro: Fume e, con Carlos Losada, Insomnio. A revolução pendente. Feminismo e democracia, de Carlos Diegues, completa, na altura, o catálogo. “Son tres obras moi diferentes en xéneros e contidos [poesía, teatro e ensaio]“, argúe Vítor Suárez, “pero detrás pódese advertir certa ideoloxía”. O aparente olfacto editor é relativizado por Suárez: “Nas decisións só pesa o gusto da asemblea; evidentemente, o gusto ten que ver coa ideoloxía”.

“Non temos vocación de zapadores, nin de encher ocos”, asegura. Estaleiro parece situarse fóra da retórica sobre a denominada “normalización do sistema literario”. “O único que pretendemos é producir cultura dun xeito horizontal, non empresarial”, afirma, “e tampouco queremos ser unha grande editora para consagrar autores, senón proporcionar oportunidades para entrar no campo cultural”. O abaratamento da mediación tecnolóxica -”o proceso dixital facilita a edición enormemente”- contribúe á peculiar estructura de funcionamento de Estaleiro. E, malia á que as tiraxes iniciais de libros na editora son reducidas, 250 exemplares, o abandono da técnica offset permite a reimpresión sen custo engadido. Os títulos de Estaleiro poden descargarse de balde na web.

“Estaleiro non exerce violencia simbólica sobre os autores que non aceptan a normativa legal do galego”, oufánanse dende o proxecto editorial. A revolução pendente, o achegamento do profesor Carlos Diegues (Bueu, 1978) a unha teoría do feminismo igualitario, publicouse en portugués. “Ademais de que podemos publicar autores directamente en portugués” [sairá Subúrbia Duas estações, poemas do brasileiro Óscar Mourave], explica, antes de analizar: “Se publicamos a un escritor reintegracionista, ten máis posibilidades de chegar a posicións centrais que se publica nunha editora estritamente reintegracionista”. Na planificación inmediata de Estaleiro, amais de Mourave, figuran o Manifesto contra o traballo, do grupo alemán Krisis, o teatro de Marcos Abalde (Vigo, 1982), Canibalismo, os relatos de Moncho Iglesias (Vigo, 1974) Tres cores e Máquina de guerra, o primeiro libro de poemas de Raida Rodríguez (Ourense, 1980).

Letras non subvencionadas

Dezembro 3, 2008

protexta-letras-non-subencionadasContinuamos co espazo que este último número do Protexta dedica a Estaleiro e á edición libre:

Ser “referente daquelas criadoras e consumidoras que, como as in­tegrantes deste projecto, deman­dam uma alternativa ao circuito oficial da literatura e do pensamento subsi­diados e tem como objectivo a criaçom de um espaço de liberdade para a dina­mizaçom cultural, a inovaçom literária e o pensamento crítico”. Deste xeito se presentaba en sociedade na primavera deste 2008 Estaleiro Editora; impulsada por xente de letras que rolda a trintena e que atoparon en Internet o punto de apoio para dar saída a obras con voca­ción independente e sen preocupación polo destino final ou as posíbeis trans­formacións dos seus textos.

En apenas oito meses de vida, autores coma Alberto Lema, Rubén Ruibal ou Car­los Diegues xa confiaron os seus textos –aínda que non en exclusiva– a un proxec­to que non procura subvencións e rexeita as vías de distribución tradicional. Accede­mos así a volumes que o visitante do es­pazo web de Estaleiro pode descargar e ler no seu ordenador, aínda que tamén poden ser mercados ao máis que módico prezo de seis euros nunha ducia de puntos de venda en diferentes puntos do país.

Poderiamos preguntarnos, neste pun­to, as razóns que levaron aos impulsores de Estaleiro a optar polo papel, se temos en conta que elixen un sistema de edi­ción e licenza que ten en Internet o seu campo natural de vida. Segundo apunta a editora no que poderiamos conside­rar o seu manifesto fundacional, “o pa­pel impresso e um selo editorial sobre a capa continuam a ser objecto de desejo da maioria dos autores à procura dum lugar no campo literário, e até requisi­to imprescindível para conseguir o re­conhecimento dos pares ou, por exem­plo, para integrar umha associaçom de escritores”. Así as cousas, apuntan, a súa intención última non é outra senón “modificar esta situaçom, legitimando, criando, abrindo portas e caminhos ao presente, pensando no futuro dos cria­dores e da sua produçom”.

Deixamos, como de costume, para o final, unha ollada ao plano visual do sitio web de Estaleiro. Sobria, branca e negra, esta é unha páxina que, en opi­nión de quen asina, cumpre case á per­fección o papel para o que foi creada: servir de soporte para un proxecto no que a web é só a ferramenta para pre­sentar o que é nuclear: as obras litera­rias. Só anotaremos ao pé un defecto: o escaso ritmo de actualizacións do blo­gue que inclúe a propia web.

O importante investimento que supom a ediçom em imprensa tradicional tem representado historicamente um travom para aqueles que quigérom transgredir, criar novos caminhos e , em definitiva, evoluir, se o conceito de evoluçom fai al­gum sentido no que di respeito à literatu­ra ou à cultura. É principalmente por isso que muitos desses originais que os edi­tores recebem nom passam de ser umha ediçom pensada, e ainda bem se chega a ser pensada, para ter a possibilidade de se converter depois, anos depois, em ediçom póstuma e até, em determinadas ocasions, muito tempo depois, em parte do cánone promovido polas instituiçons culturais dum estado *. // D. L.

* Extracto do Manifesto fundacional

de Estaleiro Editora