Banca com livros no Festigal 2008
Julho 27, 2008
Estaleiro editora tivo a oportunidade de apresentar e vender os seus materiais no Festigal 2008. Ante as inclemências meteorológicas, Estaleiro contou com a generosidade do pessoal da Lonxa cultural, e pudemos instalar na sua carpa umha banca que suscitou grande atençom e interesse entre os assistentes. As vendas do dia podem resumir-se como espectaculares!
Para algumha fotografia pode-se consultar o blogue Apocalipse do porco.
Reproducimos a continuación a entrevista a Carlos Figueiras, de Estaleiro Editora, publicada en A Nosa Terra, en xullo de 2008:
No rebumbio da cafetaría da Facultade de Filología de Santiago, en pleno congreso sobre o Século de Ouro, Carlos Figueiras fai un oco no seu traballo de investigación (“de Século de Ouro nada, o meu vai do 69 en diante”) para falarmos de Estaleiro Editora, unha iniciativa que permite editar textos en Creative Commons, sen ánimo de lucro.
Como se fai iso de editar sen ánimo de lucro?
No ámbito editorial sempre se asumiu que os autores non gañan diñeiro, e mesmo neste país corremos o risco de asumir que os autores pagan por publicar. Nós non gañamos cartos, como os autores, e ninguén paga por publicar. Páganse 30 euros por entrar, pero non hai cotas de asociado. Cadaquén paga co seu traballo e con opinións. Hoxe, a técnica permítenos xogar a ser editores. Se nos 80 se podía sacar un folletiño, hoxe as persoas que deciden que queren editar e que queren ler textos orixinais, poden facelo. Cobramos os libros a 6 euros (e sáenos o original a 2 ou 3, dependendo da tiraxe). Non se gañan cartos, gáñase outra cousa.
Despois de experiencias de autoedición ‘outsiders’ (o fanzine, o traballo de Rompente, a literatura de cordel brasileira…) cal é o papel de Estaleiro?
Buscabamos unha estética alternativa en parte, no ámbito dunha literatura normalizada. Pero démonos conta de que ese obxetivo colocounos paradoxalmente nunha posición mesmo privilexiada. Veñen xornais a entrevistarnos, temos o primeiro autor toda unha semana no Diario Cultural, da Radio Galega. Publicas a Alberto Lema e pouco despois saca unha novela en Galaxia e tradúcese ao español. Tamén hai xente que fai o percorrido inverso: Rubén Ruibal recibe o Premio da Crítica Española de mans do ministro de Cultura (coa obra teatral Limpeza de sangue) e logo edita en Estaleiro.
Que outras diferenzas teñen coas editoras tradicionais?
Edítase moito para recibir subvención. Así, dificilmente hai peneira. O problema dos editores do sistema normal é que cando lanzan un libro que non venden, acaba no almacén. Aquí coidamos moito o que imprimimos, porque os cartos non se poden tirar, e logo hai que facelo funcionar: vender na porta do teatro, nas Festas do Barrio de San Pedro. É literatura defendida de forma bastante distinta ao habitual. De Plan de Fuga (poemario de Alberto Lema) vendemos perto de 200 exemplares.
Coas licenzas Creative Commons está mudando o concepto de propiedade intelectual?
Colocar un libro na rede non fai que diminúan as vendas. O libro segue a ter o seu valor simbólico como obxecto. Amais, neste país, a propiedade inteclectual, o feito de que alguén viva de escribir, só se entende se falamos de Suso de Toro ou Manuel Rivas.
A editorial recolle as múltiplas posibilidades ortográficas, permite iso unha apertura ao mercado lusófono?
Hai unha falta de valentía, e unha falta de respecto á liberdade intelectual, unha sorte de censura previa. Ou mesmo algo peor: non é que lle entregues un texto a unha editorial, é que non invistes esforzos en escribir algo que sabes que non vai ter saída. Pasou nos últimos anos do salazarismo e do franquismo: foron buscar ás gabetas dos escritores e non había nada. Queriamos que Estaleiro fose unha válvula de escape para os autores e autoras, pero resulta que somos unha porta aberta para que se empece a traballar con liberdade. Eu mesmo non teño onde publicar, e non o vou facer en Estaleiro porque a nosa filosofía non é esa. Na editora atopamos persoas de determinadas marxes, o que pasa é que o que pode ser marxinal ou “punki” para unha editorial madrieña, aquí é moderno. A única marxinalidade do noso sistema literario é a normativa.
Fáleme da nova liña que inaugurou Fume / Insomnio, de Carlos Losada e Rubén Ruibal. Necesítase unha alternativa na edición de textos teatrais…
Publicar en pdf está moi ben, democratiza a produción e mesmo abre vías para a súa internacionalización, pero o libro impreso ten certo capital simbólico certa dignidade. As dúas pezas teatrais ben podían ir coma dous folletíns, pero queriamos un libro. Pode editarse literatura dramática en galego sen institucións. A dificultade das licenzas no teatro é que os autores sempre queren ter algo que ver sobre os seus textos cando se van representar. Por outra banda, á xente gústalle, despois de ver a obra, ter o texto consigo.
Banca com livros no Festival de Artábria
Julho 21, 2008
Estaleiro Editora estivo presente na VI ediçom do Festival da Terra e da Língua organizado pola Fundaçom Artábria (Ferrol e Terra de Trasancos), em cujo centro social também se podem adquirir as nossas publicaçons.
O evento, que contava com umha amplíssima programaçom durante dous dias, possibilitou a primeira intervençom da gente da Estaleiro na comarca ártabra, constatando-se umha recepçom muito positiva da gente cara ao projecto e na venda de exemplares de Plan de fuga e Fume / Insomnio.
Os “sen editorial”
Julho 15, 2008
Reproducimos a seguir un artigo de Xoán R. Sampedro sobre Estaleiro Editora publicado o 12 de xullo de 2008 polo xornal Galicia Hoxe :
Os “sen editorial”
XOÁN R. SAMPEDRO . COMPOSTELA
12.07.2008 Carlos Figueiras: “Con Estaleiro procuramos unha incidencia político-cultural transformadora do sistema literario”
En outubro de 2006 celebrábase, no marco do II Simposio Internacional Letras Na Raia, a mesa redonda Os editores levan tanto tempo a publicar un libro que non admira que tantos sexan póstumos. Unha palestra cun título provocador, na que viu a luz un texto titulado Estaleiro Editora, umha alternativa editorial.
Nel, o autor Carlos G. Figueiras, como voceiro dun colectivo máis amplo de outsiders intelectuais, expuxo por vez primeira á luz pública un proxecto que levaba tempo a xestarse: “umha associaçom cultural sem ánimo de lucro que se rege por assembleia com o propósito de desenvolver um projecto de ediçom independente, capaz de abrir novos caminhos dentro do sistema literário galego”. A definición, ambiciosa, ten atrás un continxente humano procedente sobre todo das faculdades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación de Compostela, mais non só, construído en rede e sumando forzas cara a encher un espazo baleiro e relevante en potencia. Como nos conta Carlos Figueiras, “fomos detectando que os avanzos tecnolóxicos en edición e a chamada impresión baixo demanda, permitíanlle ao que viría sendo un club de lectores, alén de publicar un panfleto ou blogue cos libros de que gustan, xogar a ser un club de editores.”
A aposta é clara: a edición, sen vontade de lucro nin para os autores nin para a editora, polo valor en si de pór en circulación creacións que doutro xeito, por motivos diversos, non atoparían oco na edición empresarial. Os autores renuncian a tirar cartos do proxecto, pois que todas as ganancias xestionadas pola asemblea teñen como única fin a reprodución do proxecto en novas edicións de novas obras.
E non só: os autores renuncian, cando deciden apostar por Estaleiro, á propiedade sobre a obra. Cando menos, á concepción restritiva á que nos teñen afeitos instancias como a SGAE e a industria cinematográfica. “A autoría é sempre, obviamente, do autor. Mais partindo diso, calquera pode copiar, traducir, modificar ou republicar a obra, mentres cite autoría, non se lucre e estea disposto a compartir o resultado nas mesmas condicións. Mentres o Copyright ten unha natureza limitadora, as licenzas Creative Commons que utilizamos son un ofrecemento, un convite ao uso creativo e comunitario das creacións.”
Realizada a proposta, resultou ben interesante para (algúns) autores: o primeiro libro, Plan de fuga de Alberte Lema foi presentado en abril deste ano, simultaneamente para a descarga libre en internet e en edición en papel, como o serán todos os libros editados por Estaleiro. Logo, a fins de xuño, presentaban Fume/Insomnio, con dúas obras teatrais, unha delas asinada por Carlos Losada e Rubén Ruibal e a outra só por este segundo, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2007.
A fins de xullo terá saído do prelo un novo libro: “A revolução pendente. Feminismo e Democracia é un ensaio de Carlos Dias, co que por unha banda inauguramos a colección deste xénero e pola outra, por estar escrito en portugués padrón, abrimos unha vía que pensabamos interesante, porque nós editamos única e exclusivamente en galego, mais sen marcar limitación ao respecto da normativa”, di Figueiras. En canto á función do libro impreso, non ten dúbidas: “Se queremos incidir no sistema, hai determinadas armas do propio sistema que utilizar, e o libro é desas. É un soporte moito máis cómodo do que calquera dos dixitais que existen; e ten o valor engadido como obxecto que sen caer no decorativo debe ser bonito. Mais sobre todo, é capital simbólico para o autor: a súa aspiración, o que o identifica e lle permite reivindicarse entre os pares é o libro”.
Apresentaçom de Plan de fuga nos “Martes literários da Galeria Sargadelos” na Corunha
Julho 14, 2008
O convite de Claudio Pato, organizador das actividades literárias da galeria, a Alberto Lema para estar presente na série dos Martes literários, materializou-se, em 8 de Julho de 2008, na segunda apresentaçom pública do poemário Plan de fuga. Com a presença de Isaac Lourido em nome de Estaleiro editora, de Maria do Cebreiro como assinante do prólogo e do próprio autor, o evento ateigou a sala de actos da galeria e consistiu numha apresentaçom geral do projecto da Estaleiro, na sugestom de notas para umha leitura crítica da singular proposta poética do livro e numha intervençom de Lema intitulada “Plan de fuga. Historia da literatura, declinar o (im)-posible”.
Nesse domingo, a jornada reflectiu-se numha breve nota no Galicia Hoxe assinada por Yolanda Castaño que reproduzimos a seguir:
“Máis tarde, aproveito para pasar pola Galería Sargadelos, hoxe celébrase un novo “Martes Literario”, o ciclo de lecturas que o director da sala -Claudio Pato- está continuando. E teño a sorte de poder escoitar dunha soa vez ao director de Estaleiro Editora, ese novo proxecto editorial que se sitúa á marxe das subvencións institucionais tanto coma das preitesías do mercado, ao poeta convidado e a María do Cebreiro, autora do prólogo de Plan de fuga e chegada dende Santiago para presentar o poemario. O autor, Alberto Lema, é un dos nomes honestos do panorama último en galego. Unha pluma coa suficiente personalidade e sobria elegancia como para facer unha aposta particular que non se asente na contraposición a outras. Un estilo que achega o que ten e non se define naquilo que lle falta. Iso e humanidade, tenrura crítica, conciencia, é o que trae o poemario do escritor de Unha puta percorre Europa”.

